Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Normalización...

A Concellaría de Normalización Lingüística convídate a participar na primeira Liga da Regueifa de Carballo. Atréveste?

Os sábados do mes de maio quedamos para regueifar nos bares!

Luns 26 de febreiro do 2024 Lingua

A Concellaría de Normalización Lingüística dá un paso máis na promoción da regueifa entre a sociedade carballesa e bergantiñá. Ademais de impulsar a Escola de Regueifa do Concello de Carballo, que está a piques de celebrar o seu primeiro ano de vida e que conta cada vez con máis alumnado de todas as idades, agora, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convídate a participar na I Liga da Regueifa de Carballo.

A Liga da Regueifa consistirá nunha competición por parellas, que se formarán ao chou, nun sorteo entre todas as persoas inscritas. Os terreos de xogo serán os establecementos de hostalaría que se sumen á actividade como colaboradores, e que ao longo do mes de maio, todos os sábados, a partir das 20.00 horas, acollerán as distintas eliminatorias.

Ademais de pasar un bo momento, para os gañadores e/ou as gañadoras teremos dous agasallos que non poden faltar nunha regueifa tradicional: pan de ovo nas disputas parciais e, por suposto, unha boneca para a persoa gañadora.

A que soa ben? Anímate e participa! Podes inscribirte ou, se o precisas, pedir máis información a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal

Compartir: