Inicio Carballo ao día Axenda Mesa redonda sobre a experiencia nos padroados...

Mesa redonda sobre a experiencia nos padroados das fundacións

Xoves 5 de outubro do 2023 20.30 horas - Espazo Casino 1889 Cultura

Dentro do convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal para conmemorar o 80º aniversario do artista Manuel Facal, ata fin de ano están a desenvolverse unha serie de actividades de homenaxe. A próxima, programada para o xoves 5 de outubro ás 20:30 horas, reunirá no Espazo Casino 1889 a representantes doutras tres fundacións galegas, as dedicadas a Manuel Moldes, Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra.

Xaime Díaz, Manuel Facal e Evencio Ferrero darán a benvida ao público asistente e presentar aos membros das tres fundacións que participarán nunha mesa redonda, na que explicarán as súas experincias na constitución e no desenvolvemento de cada proxecto e que servirán de exemplo para a nosa fundación e ao rematar haberá un coloquio aberto a todos os asistentes.

Fundación Manuel Moldes. No DOG número 24, do 5 de febreiro de 2020, publicouse a Orde de 13 de xaneiro de 2020 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación. Manolo Moldes. Nado en Pontevedra no ano 1949 e finado na mesma cidade no 2017. Foi pintor e profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa obra comezou na década de 1970, en Madrid, participando na renovación impulsada dende Galicia e relacionado cos artistas que formarían o Grupo Atlántica, especialmente con Monroy e Patiño. Nos anos oitenta as súas obras mostraban unha práctica desgarradora e visións atormentadas que xiran ó redor dunha estabilidade onde se percebe as influencias de Pablo Picasso e Ingres. Na segunda metade da década de 1980 propuxo unha ollada densa e ordenadora do ámbito galego, da súa paisaxe, arquitectura, xentes, materias... en cadros cada vez máis físicos. En 2005 ingresou como membro numerario na Real Academia Galega de Belas Artes.        

Fundación Eduardo Pondal. A Fundación situada en Ponteceso, na comarca de Bergantiños, ten como obxectivo o enaltecemento da figura de Eduardo Pondal como figura da lingua e cultura galega e como creador do poema "Os Pinos" que constitúe a letra do  himno de Galicia, ademais de formar ás novas xeracións e o desenvolvemento económico da zona. Eduardo Pondal, Ponteceso, 1835 – A Coruña, 1917. Foi un poeta galego e unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e  Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.    

Fundación Uxío Novoneyra.  un ente de interese cultural constituído no ano 2011 que persegue os seguintes obxectivos: a conservación e difusión do legado do poeta Uxío Novoneyra así como da súa obra e as obras da súa colección privada; a promoción de actividades de estudo e investigación nos eidos da literatura, especialmente na poesía, a lingua, as artes, en especial as visuais e escénicas; e os estudos históricos e políticos; a defensa do medio ambiente, especialmente o relacionado coa súa obra, no eido territorial das súas actividades; a dinamización e promoción sociocultural da súa zona de referencia; e a potenciación e a difusión da cultura e a realidade sociocultural de Galicia no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.

Compartir:


- 2024 +
- Abril +
L
M
M
X
V
S
D
1
2
4