Entrega de premios do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís
Venres 13 de maio do 2022 20.00 horas - Pazo da Cultura Cultura
José Ramón Luna de la Ossa (1974), de Tarancón (Cuenca), acada o primeiro premio do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís cunha imaxe titulada Miedo después del miedo, pola que recibirá 1.500 euros e diploma.
O xurado vén de facer público o seu fallo despois dun exame minucioso das 100 obras presentadas por un total de 44 autores e autoras. O segundo premio desta 24ª edición, dotado con 750 euros e diploma, e patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, é para a fotografía titulada La extraña pareja, de Juan Rodríguez Pazos. O fotógrafo estradense é un habitual do noso certame, no que xa acadou o Premio Especial Carballo no ano 2018 e un accésit no 2019. A súa sucesora no Premio Especial Carballo é a larachesa Sandra Ramilo Rodo cunha imaxe titulada Crise enerxética, pola que recibirá 500 euros e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo. Este ano tamén se entregará un accésit de 300 euros e diploma a Francisco López López, de Viveiro, pola súa obra Calma chicha.
A entrega dos premios terá lugar o venres 13 de maio, ás 20.00 horas, no 3º andar do Pazo da Cultura. No mesmo acto será inaugurada a exposición das obras gañadoras e dunha selección realizada polo xurado entre todas as presentadas a esta 24ª edición do certame.