Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

A VECIÑANZA COORDINARÁ AS PRÓXIMAS REUNIÓNS

Remata o proceso para constituír os Consellos Parroquiais de Carballo coa creación de órganos representantivos nas 17 parroquias

Mércores 7 de decembro do 2016 Carballo ao día

Consello Parroquial de Vilela

Consello Parroquial de Vilela

O venres 2 de decembro quedou constituído o Consello Parroquial de Vilela, o número 17 dun proceso que superou as mellores expectativas de participación veciñal. A día de hoxe Carballo conta con Consellos nas 17 parroquias rurais, o que supón que arredor de trescentas persoas están xa a participar dalgún xeito da xestión municipal. O peche desta fase do proceso non podía ser mellor, posto que as 26 persoas que asistiron á reunión veciñal de Vilela integráronse no Consello Parroquial, que se converte deste xeito no segundo máis numeroso despois do de Berdillo, coa diferenza de que en Vilela non hai asociacións e todos os membros do Consello Parroquial figuran a título individual, mentres que en Berdillo, que é unha parroquia moi activa a nivel asociativo, 20 dos integrantes do consello son representantes de entidades.

Arredor de trescentas persoas están xa a participar dalgún xeito da xestión municipal a través dos Consellos Parroquiais

Os representantes dos grupos políticos presentes na xuntanza de Vilela expresaron a súa satisfacción pola consecución dun obxectivo que, nun primeiro momento, prevíase complicado. A reunión rematou, de feito, cun forte aplauso de todos os asistentes. Esta semana quedou constituído tamén o Consello Parroquial de Bértoa no encontro máis numeroso dos 17 celebrados, con máis de cincuenta persoas e tamén unha ampla participación.

Xuntanzas cada catro meses

A partir de agora o proceso entra nunha nova fase. Agora son os representantes veciñais os que están a organizarse de cara á celebración das primeiras reunións dos Consellos Parroquiais con propostas xa concretas. Todos os consellos acordaron manter xuntanzas ordinarias cada catro meses, de xeito que as primeiras celebraranse entre febreiro e abril do vindeiro ano.

De todos os xeitos, os Consellos Parroquiais continúa abertos ás persoas e/ou entidades que queiran sumarse, que poden obter máis información no teléfono 608 201 251 e o enderezo electrónico <consellosparroquiaiscarballo@gmail.com>.

Compartir: