

Menú:
Poboación do Concello:
Xa somos 31.415
A sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro inclúe na orde do día o visto e prace para a concesión dunha bonificación no ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) a tres empresas con proxectos no Parque Empresarial de Carballo. Unha vez cubertos por parte de Xestur Coruña, entidade responsable do desenvolvemento do parque, os trámites para sacar adiante o proxecto sectorial e escriturar as parcelas, Concello e empresarios están xestionando agora os proxectos das naves que serán sede das novas iniciativas empresariais. As solicitantes da bonificación son Productos Químicos Bergantiños (Proquiber), a construtora Revestimientos Rama SL e a compañía de adaptación de vehículos para discapacitados Transformaciones Bergantiños SL, que contan con proxectos que teñen un custo de investimento total que supera os 200.000, 300.000 e 400.000 euros, dependendo do caso. Para poder acadar unha redución dun 95 por cento no ICIO deben acreditar a empregabilidade dunha persoa de Carballo por un período de alomenos dous anos. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a importancia de que saian adiante iniciativas empresariais para que o polígono industrial chegue a ser un elemento normalizador da situación económica na conxuntura actual.
O andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o domingo 26 de febreiro unha exposición que recolle unha escolma das fotografías presentadas á primeira edición do Concurso Fotográfico Comarca Natural de Bergantiños organizado pola Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños (GDR), unha iniciativa que pretende poñer en valor a riqueza natural e etnográfica da bisbarra. A selección inclúe as nove obras premiadas nas dúas categorías do certame, unha de fotografía paisaxística e outra dedicada ás actividades ou oficios característicos do territorio. O xurado estivo formado por profesionais do ámbito cultural de recoñecido prestixio tales como: Xoan Villarmea, fotógrafo profesional e Premio "Mellor fotógrafo profesional de España 2011"; Xesús Búa e Pablo Verdes, profesionais nominados a "Mellor fotógrafo nacional na modalidade de retrato"; Marcos Rodríguez, fotógrafo profesional e gañador en 2010 do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís de Carballo; e Luz Díaz, profesora de pintura. Tamén formou parte do xurado Xosé Mª Varela, membro da Xunta Directiva do GDR Bergantiños. A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura no horario habitual, de 18.00 a 21.00 horas.
Carballo acolle o domingo 29 de xaneiro unha nova cita dos Feiróns de Tempada, neste caso coa celebración do Feirón de Inverno. Desta volta, o obxectivo é seguir afondando no programa Merca-do-Bo, que reflexiona sobre os beneficios que reporta para a saúde o manter unha dieta equilibrada na que estean presentes produtos frescos da horta, sempre presentes nas feiras carballesas. Para subliñar esta idea está previsto celebrar no Mercado Municipal un Obradoiro de Alimentación Saudable entre as 10.00 e as 13.00 horas. Durante esta iniciativa traballarase cos rapaces e rapazas ao redor dos produtos que compoñen a dieta atlántica, baseada en produtos autóctonos, entre os que podemos atopar tanto verduras como hortalizas, froitas de temporada, peixe e carnes do país, todos eles produtos que se poden atopar tanto no Mercado Municipal coma no Feirón. Os Feiróns de Tempada puxéronse en marcha por vez primeira no verán de 2008 co obxectivo de impulsar o comercio local e consolidar e dinamizar as feiras e mercados tradicionais. Apostouse polos catro feiróns que se celebran no ano, coincidindo cos quintos domingos de mes.
© Concello de Carballo, 2009