Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello ten atendido máis de 700 avisos...

XANEIRO FOI O PERÍODO CON MÁIS DEMANDAS

O Concello ten atendido máis de 700 avisos veciñais nos primeiros seis meses de 2010

Martes 29 de xuño do 2010

En porcentaxes, as demandas sobre o alumeado supoñen o 53,3 por cento do total das realizadas entre xaneiro e xuño. As peticións relacionadas con Carballo Limpo ocupan o segundo lugar con 202 avisos que supoñen un 27,9 por cento do total. Carballo Limpo comprende as accións municipais destinadas a conservar o medio ambiente e dentro das súas funcións inclúense, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva. Tamén se inclúen os servizos do Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil, ademais da recollida de cartón a pé de porta. En terceiro lugar atópanse as accións relacionadas cos servizos xerais de auga, luz, recollida de lixo, saneamento ou teléfono, cun 8,4 por cento e un total de 61 avisos. En cuarto posto sitúanse os avisos relacionados co equipamento e o mobiliario das instalacións deportivas e os edificios municipais. Con 41 avisos supoñen o 5,6 por cento.

Por último, hai que mencionar as peticións relacionadas coa sinaléctica, cos arranxos no firme das vías ou nas beirarrúas ou coa limpeza de espazos públicos e xardíns. Entre as tres categorías suman 34 avisos e son o 4,6 por cento do total. Ao longo do pasado mes de xuño non se ten producido ningunha chamada relacionada coa limpeza en espazos públicos, ao igual que no mes de maio. Do mesmo xeito, en abril tampouco se rexistrou ningunha petición relacionada con arranxos na rede viaria. Respecto da distribución por parroquias, a que ten rexistrado máis demandas, ademais da capital municipal, é a de Rus, seguida da de Sofán. Nos últimos postos están Goiáns, Vilela, Entrecruces ou Rebordelos. Os veciños e veciñas interesados en obter máis información sobre os servizos de mantemento do Concello poden facelo nesta mesma páxina web, <www.carballo.org> ou na web de Carballo Limpo: <www.carballolimpo.com>.

Compartir: