Inicio Carballo ao día Novas O mercado municipal acolle a exposición...

DO 1 AO 13 DE FEBREIRO

O mercado municipal acolle a exposición “As mulleres que nos levaron á Lúa”

A mostra, cedida pola Universidade de Vigo, está integrada por 12 paneis que conteñen información de mulleres cun destacado papel na conquista do espazo

Martes 4 de febreiro do 2025 Mercado Municipal

O 21 de xullo de 1969 o primeiro ser humano puxo un pé na lúa, un fito que marcou un antes e un despois na historia da navegación espacial. Os nomes dos tripulantes do Apolo XI quedarían para a posteridade. Con todo, detrás desta proeza da que se conmemoraron os cincuenta anos en xullo de 2019, atópase o traballo dun equipo de persoas que tiña un único soño: alcanzar a Lúa.

Coñeces algunhas das mulleres que nos levaron á Lúa? Poida que non, porque o cinema e a literatura sempre se centrou na figura dos astronautas e tampouco aparecen nos libros de texto. Nesta exposición mostrámosvos algunhas das mulleres (Annie Easley, Rita Rapp, Frances Northcutt…) claves no éxito da misión do Apolo XI e na posterior conquista do espazo. Sen ese equipo de persoas que estudaron, calcularon e comprobaron unha e outra vez que todo funcionase á perfección, hoxe non estariamos a falar da próxima misión á Lúa ou da conquista de Marte.

Estas mulleres, que permaneceron invisibilizadas durante moito tempo, deben saír á luz para servir de modelos ás novas xeracións, xa que non se pode querer ser o que non se coñece.

Esta exposición, cedida polo Campus de Ourense da Universidade de Vigo, está formada por 12 pósteres, tipo roll up, sobre mulleres cun destacado papel na conquista do espazo. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa vida, de cales foron as súas achegas e dos recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. A través dos roll up, o público pode coñecer a aquelas mulleres que desde a sombra axudaron a que a humanidade puxese un pé na lúa e este pensando na próxima viaxe a Marte.

Achégate ao mercado municipal ata o xoves 13 de febreiro e percórreo a través da historia destas 12 mulleres, que se suman ás protagonistas das actividades que celebramos arredor do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Atoparás os paneis distribuídos entre os postos de venda.

Compartir: