Inicio Carballo ao día Novas A escritora e xornalista Marta Villar coordina o...

A escritora e xornalista Marta Villar coordina o club de lectura da biblioteca Rego da Balsa, que retomou a súa actividade

A biblioteca da rúa San Xoán estreará este mes un club de lectura en galego

Mércores 24 de xaneiro do 2024 Lingua

O club de lectura da Biblioteca Rego da Balsa xa está en marcha, este ano dirixido pola xornalista e escritora malpicá Marta Villar, gañadora do Premio Tiflos de Xornalismo no 2020, finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación, dos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións 2021 e 2022, e no Premio de Poesia Gloria Fuertes de La Rinconada (Sevilla) do 2021. No 2023 publicou Non temerás os coches amarelos (Xerais), a súa primeira novela.

Despois dunha primeira sesión de presentación, este luns remataron Memorias de Adriano, de Marguerite Yourcenar, e agora meteranse de cheo en Golpes de luz, de Ledicia Costas. As vinte prazas do club de lectura da Biblioteca Rego da Balsa están cubertas, e a persoas participantes reúnense os luns, cada quince días, de 18.00 a 19.30 horas. E semella que a afección compartida crea vínculos, porque son moitas e moitos os que repiten unha edición tras outra.

Se queredes formar parte dun club de lectura, este mes estrearemos outro na biblioteca da rúa San Xoán, coas particularidades de que as reunións celebraranse un venres cada mes e de que se centrará na literatura en galego, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e de Belén Edreira, libreira e blogueira, que será a encargada de dirixir o club. Se queres sumarte só tes que enviar un correo electrónico cos teus datos a bibliotecacarballo@carballo.gal.

Se che interesa formar parte dun grupo de persoas afeccionadas á lectura e compartir un anaquiño do teu tempo falando de literatura, non o dubides. Aquí tes unha proposta á túa medida.

Compartir: