Inicio Carballo ao día Novas Inscrición á proba para a...

Inscrición á proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos

Mércores 24 de xaneiro do 2024 Benestar

Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización. (DOG nº 16 do 23/1/2024) ED534A

A Xunta de Galicia convoca a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2024. A proba realizarase en Santiago de Compostela o día 26 de abril de 2024 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela. Cando o número de persoas matriculadas exceda a capacidade dos espazos dispoñibles para realizar a proba no IES San Clemente, a Dirección Xeral de Formación Profesional establecerá outro centro ou centros nos cales os aspirantes realizarán a proba.

Requisitos das persoas aspirantes

  1. Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2024.
  2. Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente a efectos académicos.
  3. Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2023/24.
Persoas con necesidades educativas especiais:
  1. As persoas con necesidades educativas especiais que teñan a declaración legal de discapacidade poderán solicitar a adaptación da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver (anexo I).
  2. A presidencia do tribunal determinará se procede adoptar medidas ou facilitar recursos adicionais para cada caso e informará a persoa interesada da súa decisión.
  3. A presidencia do tribunal adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determinen para permitir que estas persoas poidan realizar a proba. Cando sexa necesario, poñerá esta circunstancia en coñecemento da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para que facilite os recursos necesarios.

Documentación

  1. Solicitude: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED534A&ano=2024&numpub=1&lang=gl
  2. Pasaporte ou documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.
  3. Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.
  4. Certificacións académicas ou copia do libro de escolaridade e/ou historial académico que acrediten ter superado materias que permitan validar algún exercicio da proba.

Forma e lugar de presentación

As solicitudes de inscrición deberán presentarse de xeito presencial en soporte papel, conforme o modelo que figura no anexo I da presente resolución, nos centros educativos sinalados no punto 4 desta epígrafe ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:

  1. EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.
  2. IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
  3. EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
  4. EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
  5. EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
  6. EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.

Prazo de inscrición

O prazo de presentación de solicitudes de inscrición na proba será do 15 ao 28 de febreiro de 2024, ambos os dous incluídos.

O día 5 de marzo de 2024 publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas (anexo II), con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.

O día 14 de marzo de 2024 publicarase a listaxe definitiva das persoas admitidas e excluídas no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

Compartir: