Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Nadal Pequespectacular completa unha...

O Nadal Pequespectacular completa unha programación lúdica e cultural á medida dos reis e das raíñas da casa

Espectáculos infantís, obradoiros, festas, campamentos e moito máis para encher de espírito “navideño” as vacacións escolares

Martes 12 de decembro do 2023 Cultura

A rapazada carballesa vai estar moi entretida durante as vacacións de Nadal. Podedes comprobalo botándolle unha ollada ao programa que atoparedes ao final desta nova, que recolle as actividades programadas polo Concello, grazas á colaboración entre os distintos departamentos municipais, e tamén polo movemento asociativo. O resultado: a maior oferta de espectáculos infantís, obradoiros, xogos, animación de rúa... para encher Carballo co espírito do Nadal.

Hoxe presentamos un dos pratos fortes da programación: o Nadal Pequespectacular, tres espectáculos para os cales xa podes mercar as túas entradas de xeito anticipado en billeteira.carballo.gal ou agardar ao mesmo día da función e adquirilas no Pazo da Cultura. Este ano a proposta da Concellaría de Cultura tráenos maxia, teatro e música. O día 26 teremos no auditorio do Pazo da Cultura ao Mago Teto; o 27 desfrutaremos en familia co espectáculo Crisálida, de Caramuxo Teatro, e o 28 bailaremos ao son de María Fumaça, e todas as citas serán ás 18.00 horas.

Pero o Nadal máis cativo xa empezou hoxe coa visita do Apalpador ás escolas rurais, unha iniciativa da Asociación Ambiental Senda Nova, que é unha das entidades que colabora na programación xunto co Centro Social San Xoán Bautista, Aspaber, Cruz Vermella, a Escola de Idiomas, o CMUS, as asociacións San Salvador de Sofán, Ribeiras do Anllóns, San Campio de Cances, O Candil, Fogar da Xuventude, Pais Católicos, Baldaio, Santa María de Ardaña e todas as que organizan as cabalgatas en Ardaña, Verdillo, Sísamo, Lema, Cances e Sofán.

O 22 será un dos días grandes deste Nadal, porque o Servizo de Normalización Lingüística achega á programación unha gran cita familiar: a Festa de Apego, con actividades para nenos e nenas de cero a seis anos de idade. Contaremos con Anxo Moure interpretando ao Apalpador e unha gran foliada na que participarán as agrupacións locais de música tradicional. Permanecede atentos/as, porque será preciso inscribirse.

Actividades no mercado

Despois da fin de semana de Noiteboa e Nadal, as concellarías de Igualdade, Mocidade e Feiras e Mercados xuntan forzas tamén para dinamizar o mercado municipal con actividades infantís e xuvenís que contribúan á conciliación familiar e que supoñan, ademais, unha oportunidade para traballar en igualdade, solidariedade e promoción do xoguete non sexista dende unha perspectiva lúdica. Do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, de martes a venres polas mañás, haberá talleres de cociña e moitas outras actividades para nenos e nenas de 6 a 12 anos. En total contaremos con 72 prazas, que xa están cubertas.

Este ano incorporamos á programación unha actividade para mozos e mozas maiores de 15 anos. Cambio climático no prato é unha iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que se desenvolverá o día 22, de 17.00 a 19.00 horas, no mercado municipal, e na que contaremos co cociñeiro Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas, para dirixir un obradoiro de cociña sustentable. O prazo de inscrición está aberto xa no enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.

Xa no 2024 despediremos o Ano do Xestal coincidindo co 31 cabodano de Carlos Díaz, o 4 de xaneiro. Arredor da exposición O Xestal, unha vida de conto, que está aberta no Pazo da Cultura, desenvolveranse dúas actividades: unha visita guiada o xoves 28 de decembro, ás 17.00 horas (inscrición previa en comunicacion@carballo.gal), e o acto oficial de clausura do Ano do Xestal cunha nova visita guiada á exposición e a actuación musical do Colectivo Xestal o xoves 4 de xaneiro ás 19.00 horas.

E o día 5 pola tarde chegará a outra gran cita das vacacións: a cabalgata de Reis! Con saída ás 17.00 horas e o percorrido polas zonas habituais, e a tradicional recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar na casa do concello.

Unha programación á medida dos peques da casa que se complementará cos bailes de Nadal e Reis organizados pola Concellaría de Terceira Idade, o programa de concertos do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, o exposición de beléns do mundo que está aberta no Museo de Bergantiños. Participa e vive o Nadal!

Descargas

Compartir: