Inicio Carballo ao día Avisos Un curso de poda, próxima actividade do...

Un curso de poda, próxima actividade do programa de educación ambiental "Catro estacións". Prazas esgotadas!

Martes 15 de febreiro do 2022

Despois do éxito que acadou a campaña experimental “Presume de xardíns”, que encheu de cabazas decoradas diferentes zonas verdes da zona urbana, neste 2022 agardamos poder desenvolver moitas máis actividades de educación medioambiental agrupadas no programa “Catro estacións”. A primeira do ano será un curso de poda que estabamos a organizar en colaboración co Consello Parroquial de Berdillo cando empezou a pandemia, e que agora retomamos.

As prazas están esgotadas.

“Catro estacións” é un proxecto de educación medioambiental no que contamos coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín, e que está vinculado á creación e mellora das zonas verdes e arboradas e espazos axardinados en distintos puntos do noso concello. O principal obxectivo é implicar á veciñanza na conservación dos espazos públicos a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da nosa riqueza de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polos xardíns como bens comunitarios.

Dentro deste mesmo programa está incluída a plantación comunitaria de carballos,  fillos do Carballo de Vilar de Francos, realizaremos o 19 de marzo coas familias de 139 bebés empadroados no noso concello entre os anos 2020 e 2021. Nestes dous anos naceron en Carballo case 400 nenos e nenas, pero a gran maioría optaron por plantar os carballos pola súa conta. Proximamente ofrecerémosvos máis información sobre esta e outras iniciativas.

Compartir: