Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comeza a sétima edición do Open...

DEPORTES

Comeza a sétima edición do Open Internacional de Billar en Carballo

Venres 26 de agosto do 2005

O Concello de Carballo colabora no Open Internacional de Billar, que está organizado polo clube Bola ocho punto com. Esta agrupación comezou a celebrar esta actividade no ano 1999 e co que obtiveron moi boa acollida entre os afeccionados da comarca. Actualmente este deporte está moi arraigado en Bergantiños, xa que se calcula que hai arredor de 260 xorgadores de billar, moitos deles federados e que xa participan con regularidade en torneos de diferentes categorías.

A edición deste ano conta con dúas categorías, mixta e feminina, para a modalidade de xogo Bola 8. Na categoría mixta, o primeiro premio é de 2.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000, todos eles obterán ademais un trofeo acreditativo. A partir de aí as cantidades baixan dende os 500 euros que conseguirá o cuarto clasificado ata os 70 euros destinados aos xogadores que obteñan os postos do 49 ao 64.

Na categoría feminina, os premios serán de 500 euros para a primeira clasificada, 400 para a segunda e 300 para a terceira, máis trofeo. O cuarto premio é de 200 euros, o quinto e o sexto de 100, o sétimo e o oitavo de 60 e, para os postos do nove ao doce, o galardón será de 50 euros.

A organización do torneo conta superar o número de participantes da pasada edición, un total de 192, con xogadores de diferentes lugares de España e mesmo de Portugal. Da comarca de Bergantiños participarán arredor de 20 persoas. O Open Internacional de Billar que se celebra en Carballo está considerado un dos mellores torneos da Península ibérica, tanto polo nivel dos xogadores como pola dotación económica.

Compartir: