Inicio Carballo ao día Hemeroteca Apróbanse as bases do concurso para a...

PLENO MUNICIPAL

Apróbanse as bases do concurso para a construción do aparcadoiro e do espazo comercial na Praza do Concello

Mércores 27 de xullo do 2005

A corporación municipal aprobou no pleno do 26 de xullo, con 12 votos a favor (BNG, CDI e PSdG-PSOE) e 9 en contra (PP), o prego de cláusulas administrativas e o prego de condicións técnicas para concursar á concesión destas obras. O Pleno conta con garantías abondas para seguir adiante co concurso, posto que existen tres informes que avalan a legalidade deste proxecto e que se inclúen no expediente do mesmo.

Estes informes son o de conformidade do secretario xeral municipal, o informe da interventora e o da oficina técnica municipal do servizo de urbanismo, subscrito polo asesor técnico xurídico e polo arquitecto municipal. Este último informe foi presentado na reunión do pleno e realizado a petición do grupo municipal do Partido Popular.

A necesidade de construír un aparcadoiro no centro da vila e un edificio de carácter comercial que acolla os postos dos praceiros está recollido nun estudo de viabilidade elaborado polo Centro comercial aberto. Das conclusións deste estudo derívase unha das liñas estratéxicas de actuación que se verán cumpridas con este proxecto: a dinamización do comercio no casco urbano de Carballo.

O Concello abrirá proximamente a convocatoria de licitación do contrato. No proceso de contratación do proxecto van participar representantes dos praceiros, dos comerciantes, ademais dos grupos políticos municipais.

Compartir: