Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Concello de Carballo pon en marcha un programa de rutas a pé pola nosa extensa rede de sendas ciclopeonís

Toma nota das datas e inscríbete! Arrincamos este venres 21

Martes 18 de xullo do 2023

Esta semana arrinca un programa de rutas a pé pola rede de sendas ciclopeonís do proxecto Cicl-Ando Carballo, unha nova iniciativa da Concellaría de Mobilidade para seguir avanzando cara unha mobilidade máis sostible e promover hábitos de vida saudables entre a veciñanza de todas as idades.

A primeira ruta está programada para este venres 21, con saída ás 19.00 horas desde o aparcamento público situado xunto ao CCB-Gadis Híper e unha duración aproximada de dúas horas. Para empezar a coller forma, os/as participantes realizarán un percorrido pola senda perimetral do polígono industrial de Bértoa, acompañados por persoal de Protección Civil e Policía Local. Por cuestións de organización, xa que as persoas que participen recibirán unha mochila cun pequeno avituallamento, é preciso inscribirse enviando nome completo e idade ao enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.

Despois desta primeira experiencia estaremos preparados/as para a gran ruta do verán, na que camiñaremos dende Carballo ata Razo polas sendas do Cicl-Ando. Esta iniciativa forma parte do programa Eu quero Razo-Baldaio, organizado pola Concellaría de Medio Ambiente, que conta coa colaboración das Escolas de Balonmán Xiria para a organización e tamén de Gadis.

O obxectivo desta primeira ruta a pé a Razo, que se celebrará o 29 deste mes de xullo, é, ademais de dala a coñecer entre a cidadanía, converter a actividade nun día de celebración. Por iso, á chegada a Razo están previstas actividades lúdicas e unha merenda, e habilitarase haberá un servizo de transporte en autobús gratuíto para regresar a Carballo para as persoas que o soliciten. As inscricións poden realizarse aquí, pero se queres máis información podes poñerte en contacto coas Escolas de Balonmán Xiria en balonmanxiria@gmail.com ou nos teléfonos 609560955 -609562376. Hai un límite de 200 prazas, polo que, se estás interesado/a, apúntate canto antes!

A terceira ruta do verán coincidirá co Día Mundial do Peón, que desde a Concellaría de Mobilidade vimos celebrando cada 17 de agosto desde hai varios anos, convidando á cidadanía a tomar as rúas cos medios de locomoción máis antigos, sans e sostibles: os nosos pés. Pero se ademais de saír andar como tanta xente fai a diario, se queres facelo dun xeito organizado non tes máis que anotarte en comunicacion@carballo.gal para participar na ruta que realizaremos polas sendas ciclo-peonís do proxecto Cicl-ando Carballo. O punto de encontro será, como nos casos anteriores, o aparcamento do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper, onde serás recibido/a cun agasallo moi práctico para os teus paseos cotiáns. Ás 19.00 empezaremos a camiñar cara o polígono de Bértoa para realizar un percorrido dunha hora de duración, aproximadamente, e apto para todas as idades.

E xa de cara a setembro, como todos os anos, estamos traballando na programación da Semana Europea da Mobilidade, na que haberá moitas actividades e, por suposto, rutas a pé.

Participa! Móvete por Carballo!

Compartir: