Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.org

O saneamento e o arranxo da escola para usala como local social, principais propostas do Consello Parroquial de Vilela

A posta en marcha do novo órgano de participación social podería propiciar a creación dunha asociación para a dinamización da parroquia

Sábado 8 de abril do 2017

A escola de Vilela está cerrada dende hai anos porque deixou de ter alumnado. Agora os veciños e veciñas queren recuperala como sede dunha asociación coa que pretenden dinamizar a vida social da parroquia e tamén como punto de encontro para o Consello Parroquial. Foi precisamente na primeira xuntanza deste órgano de participación veciñal na que se presentou a proposta, que foi moi ben acollida dende o Concello de Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, comprometeuse a pintar e acondicionar o edificio, ademais de proceder á instalación de mobiliario, pero tamén advertiu de que, dado que nos últimos anos están a nacer máis nenos e nenas en Vilela, é posible que nalgún momento as familias queiran recuperalo como escola, polo que debería ser a veciñanza a que decidise que uso se lle dá se chega ese momento.

Por agora daráselle un uso social. Pero aínda que esta proposta é moi importante, na parroquia de Vilela consideran que é prioritario rematar o saneamento. O alcalde comentou que por parte do Concello de Carballo estase a elaborar un estudo de cara á execución dun plan plurianual de obras hidráulicas. 

Trinta veciños e veciñas asistiron á xuntanza do Consello Parroquial, a última desta primeira rolda de visitas a todas as parroquias rurais. Entre as propostas que presentaron figura a colocación de sinais de travesía perigosa na estrada provincial, polo que se trasladará a petición á Deputación da Coruña. Tamén solicitaron a construción dun parque infantil en San Miguel, para o cal negociarán a cesión do terreo, e a mellora do que existe xa en Vilela. A este respecto Evencio Ferrero informou de que este ano toca revisión periódica dos parques e que se van arranxar todos os do municipio. A reposición de puntos de luz e as melloras viarias completaron a listaxe de demandas veciñais.

Compartir: