Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A mellora da travesía de Malpica estará rematada en 2010 cun investimento dun millón de euros

ASINADO O CONVENIO ENTRE O CONCELLO E POLÍTICA TERRITORIAL

A mellora da travesía de Malpica estará rematada en 2010 cun investimento dun millón de euros

Luns 26 de xaneiro do 2009

Os traballos para acondicionar a travesía de Malpica da capital municipal carballesa estarán rematados a mediados do ano 2010. Así o manifestou a Conselleira de Política Territorial, María José Caride, durante a sinatura do convenio que permitirá incrementar a seguridade viaria da rúa tanto para condutores como para peóns, así como dotala dos servizos urbanos necesarios. O custo dos traballos chega a 1.150.000 euros, dos que Política Territorial aporta 910.000 e o Concello os 240.000 euros restantes. "Este convenio materializa unha demanda de moitos carballeses", subliñou o Alcalde, Evencio Ferrero, que asinou o documento en presencia do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña.

Os servizos de emerxencia retiraron 140 árbores de vías públicas no municipio durante o temporal

BALANCE PROVISIONAL

Os servizos de emerxencia retiraron 140 árbores de vías públicas no municipio durante o temporal

Luns 26 de xaneiro do 2009

Os operarios dos servizos de emerxencia chegaron a retirar un total de 141 árbores das vías do municipio entre o pasado venres 24 e sábado 25 de xaneiro durante o temporal que azoutou a comunidade e que puxo a toda Galicia en alerta vermella. O Concello de Carballo mobilizou un operativo con 15 membros do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida), 9 da Brigada de Obras e 5 policías locais. Tamén estiveron axudando na limpeza de vías e na retirada de árbores unha pala mecánica e tres tractores pluma. Polo de agora, o balance de danos é provisional porque aínda se están cuantificando as consecuencias do temporal.

Licitada a contratación da cuarta fase da Casa dos Oficios por 3,3 millóns de euros

FORMACIÓN E EMPREGO

Licitada a contratación da cuarta fase da Casa dos Oficios por 3,3 millóns de euros

Venres 23 de xaneiro do 2009

O Concello de Carballo vén de licitar os traballos para a edificación da cuarta fase da Casa dos Oficios de Carballo por un orzamento de contrata de 3.299.008 euros -cun horizonte de financiamento que chega ata o ano 2010- e cun prazo total de execución de 18 meses, segundo consta no proxecto de obra realizado polo arquitecto Manuel Carbajo. Así o publica o Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 22 de xaneiro. O procedemento elixido para a adxudicación dos traballos é aberto e os interesados teñen 26 días naturais para presentar as súas ofertas.

Arrinca o programa dos Venres Culturais coa actuación da Real Filharmonía de Galicia

A CITA É O 23 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

Arrinca o programa dos Venres Culturais coa actuación da Real Filharmonía de Galicia

Xoves 22 de xaneiro do 2009

A Real Filharmonía de Galicia é a agrupación musical encargada de abrir os Venres Culturais, un programa de actividades que centrará a programación de ocio en Carballo ata o mes de abril. O venres 23 de xaneiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, os interesados e interesadas poden desfrutar dun concerto dirixido pola prestixiosa batuta de Maximino Zumalave (na imaxe). O repertorio do concerto consiste na interpretación de dúas obras de Joseph Haydn: o Concerto para Violonchelo nº 2 en Re maior e a Sinfonía nº 82 en Do maior, 'El oso'. Plamen Velev estará ao violonchelo.

O Concello e Caixanova colaboran na posta en marcha dun programa cultural para escolares

MÚSICA E TEATRO PARA NENOS E NENAS DE INFANTIL E PRIMARIA

O Concello e Caixanova colaboran na posta en marcha dun programa cultural para escolares

Xoves 22 de xaneiro do 2009

O Concello de Carballo e a Obra Socio Cultural de Caixanova poñen en marcha un programa educativo e cultural para nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos centros escolares carballeses no que a música e o teatro son os protagonistas. Os gaiteiros, as viaxes de Marco Polo, os animais de granxa ou os contos infantís centran as actividades que se desenvolverán entre xaneiro e maio deste ano. Un dos obxectivos deste programa, en verbas de Manuel García, director comarcal de Caixanova, é "educar aos nenos en valores como a xenerosidade ou o compañeirismo". Todas as actuacións terán lugar no Pazo da Cultura dentro do horario lectivo dos cativos e cativas.

Carballo recibe o premio Millenium Século XX-XXI pola eliminación de barreiras arquitectónicas

A ENTREGA DO GALARDÓN É O XOVES 22 DE XANEIRO

Carballo recibe o premio Millenium Século XX-XXI pola eliminación de barreiras arquitectónicas

Mércores 21 de xaneiro do 2009

A asociación Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña, dacordo con tódalas asociacións e fundacións que configuran o proxecto 'Unidos por un fin común', veñen de conceder o Premio Millenium Século XX-XXI do ano 2008, así como un diploma acreditativo, ao Concello de Carballo. O motivo desta distinción é o labor destacado na eliminación de barreiras arquitectónicas. Estes premios -que van pola súa quinta edición- concédense a diversas persoas e organismos en recoñecemento ao seu labor en favor da integración e benestar das persoas con discapacidades físicas.

O Concello solicita unha subvención para a contratación de 12 traballadores para o Grumir

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello solicita unha subvención para a contratación de 12 traballadores para o Grumir

Martes 20 de xaneiro do 2009

A corporación carballesa vén de celebrar o 19 de xaneiro unha Xunta de Goberno na que consta a solicitude dunha subvención -ao abeiro dunha orde de axudas da Consellería de Traballo- para contratar a 12 traballadores desempregados para o Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) de Protección Civil de Carballo. Trataríase de 3 encargados-condutor e nove peóns por un período de 12 meses. Estas axudas da Xunta están destinadas ao fomento do emprego a través de programas de cooperación.

O Concello sinaliza a recollida selectiva e de lixo nos colectores do casco urbano e do rural

MEDIO AMBIENTE

O Concello sinaliza a recollida selectiva e de lixo nos colectores do casco urbano e do rural

Luns 19 de xaneiro do 2009

O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Servizos e Medio Ambiente, principia esta semana unha campaña para a colocación de sinalizacións nos colectores de lixo e de envases lixeiros do casco urbano e do rural para lembrar aos veciños e veciñas a correcta utilización dos contedores, especificando os horarios para o depósito de residuos ou o tipo de lixo que cómpre depositar en cada colector. A información ofrecerase a través de varios tipos de adhesivos que se irán colocando en cada contedor a medida que se vaian limpando nas próximas semanas.

Aprobado o contrato para emprender o cerramento de tres das naves da Casa dos Oficios

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o contrato para emprender o cerramento de tres das naves da Casa dos Oficios

Luns 19 de xaneiro do 2009

A Xunta de Goberno Local de Carballo vén de aprobar o contrato que rexerá a adxudicación dos traballos para o cerramento de tres das naves da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa denominado 'Execución destinada a Escola Taller de Carballo. Fase III. Cerramento de naves 1-2-3'. A través do expediente de contratación apróbase tamén o proxecto, elaborado polo arquitecto Manuel Carbajo e que conta cun orzamento de contrata de 700.545 euros. Desta cantidade, a Deputación provincial achegará 500.000 euros a través dun convenio de colaboración co Concello carballés asinado o pasado 22 de decembro para a 'Creación do complexo Casa dos Oficios'.

Aprobadas actuacións por 5,3 millóns de euros a través do Fondo Estatal de Investimento Local

SESIÓN PLENARIA EXTRAORDINARIA

Aprobadas actuacións por 5,3 millóns de euros a través do Fondo Estatal de Investimento Local

Venres 16 de xaneiro do 2009

A corporación carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria extraordinaria na que o único punto da orde do día foi a aprobación dos proxectos municipais para o Fondo Estatal de Investimento Local, que ten un importe de 5.325.352 euros, inclúe 13 actuacións e a creación de 122 postos de traballo directos no Concello. De entre tódolos proxectos previstos, destaca como o máis cuantioso a reforma integral da piscina Vila de Noia da capital municipal (na imaxe) por 993.078 euros. O obxectivo é transformar as instalacións para convertelas nun espazo de ocio e lúdico con servizos coma un spa ou unha zona de baño que non sexa exclusivamente para practicar natación.

O orzamento para 2009 supón un incremento dun 25 por cento respecto ao do exercicio anterior e supera os 26 millóns de euros

OS INVESTIMENTOS REAIS ACHÉGANSE AOS 10 MILLÓNS

O orzamento para 2009 supón un incremento dun 25 por cento respecto ao do exercicio anterior e supera os 26 millóns de euros

Venres 16 de xaneiro do 2009

O orzamento do Concello de Carballo para o exercicio de 2009 chega ata os 26.725.518 euros, cun incremento global dun 25 por cento respecto ao do ano pasado (de 21.307.416 euros). As contas tamén inclúen unha operación de crédito de 2,5 millóns de euros e aínda excluíndo este empréstito, a suba respecto ao exercicio anterior é dun 15 por cen. Trátase dun orzamento "no que prima moito o investimento e o gasto social para dinamizar Carballo", en verbas da Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que, incluíndo os proxectos do Fondo Estatal, "os investimentos en Carballo superan en 2009 os 15 millóns de euros, máis que o orzamento completo do ano 2003" (de 14 millóns). Este dato reflicte, segundo Ferrero "que as circunstancias económicas actuais non van resentir o progreso de Carballo".

Sae a concurso a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa

PUBLICADAS NO DOG AS BASES DA CONVOCATORIA

Sae a concurso a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa

Xoves 15 de xaneiro do 2009

O DOG publica hoxe o concurso para a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación -de 718.482 metros cadrados- do parque empresarial carballés de Bértoa. Os terreos, propiedade de Xestur Coruña SA, están divididos en 147 parcelas con superficies que van dende os 600 metros cadrados e os 57.000 euros de prezo, ata os 32.000 metros e máis de dous millóns de euros de prezo (sen IVE). Os interesados en presentar as solicitudes para este primeiro concurso de adxudicación poden facelo ata o próximo 13 de febreiro nas oficinas de Xestur Coruña na Ronda de Nelle da capital provincial.

Compartir: