Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o sábado 31 de xullo o II Autocross Bergantiños

O XOVES 29 REMATA O PRAZO DE INSCRICIÓN

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o sábado 31 de xullo o II Autocross Bergantiños

Martes 27 de xullo do 2010

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a próxima fin de semana unha nova proba, tan só unhas semanas despois da celebración por todo o alto da cuarta proba puntuable para o Campionato de España da modalidade de autocross nesta tempada. Neste caso trátase do II Autocross Bergantiños, organizado pola Escudaría Bergantiños Motor en colaboración do Concello e coa axuda de Escudaría La Coruña, EcoQuad Galicia, Remontes 4x4 e Protección Civil. O sábado 31 de xullo a partir das 10.00 horas comezan as verificacións técnicas, aínda que, segundo a organización, as carreiras principiarán cara ao mediodía, nunha proba dunha soa xornada. Está previsto que participen pilotos especialmente de Galicia, pero tamén da zona e incluso con solicitudes de participación dende Zamora. Bergantiños Motor espera de que aquí a que remate o prazo de inscrición, o xoves 29, poida chegarse aproximadamente aos 60 inscritos. A proba acolle as categorías 4x4, unha das máis espectaculares, II, IIA e Carcross.

Aprobación inicial da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DE XULLO

Aprobación inicial da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial

Martes 27 de xullo do 2010

A corporación vén de sacar adiante na sesión plenaria ordinaria do mes de xullo a aprobación inicial da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial que na sesión de xuño quedou sobre da mesa para que os grupos da oposición puidesen examinala en profundidade e realizar propostas. O obxectivo desta normativa é o de "regular e compatibilizar os distintos usos da vía pública no casco urbano carballés para darlle máis fluidez á circulación e mellorar a seguridade", en verbas do Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña. O pleno deu luz verde a un conxunto de emendas presentadas polo Goberno en nome de todos os grupos da corporación, despois dunha reunión en pasados días da xunta de voceiros municipais. A ordenanza consta de 80 artigos e un anexo onde se recolle o cadro de sancións, que coincide punto por punto co cadro da Lei de Seguridade Vial e inclúe directrices de comportamento para os peóns, as bicicletas e ciclomotores, ademais doutros vehículos a motor, así como os límites de velocidade vixentes no casco urbano.

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión animan aos veciños a participar na doazón de sangue

O CONCELLO ACADOU EN 2009 42 DOAZÓNS POR CADA 1.000 HABITANTES

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión animan aos veciños a participar na doazón de sangue

Martes 27 de xullo do 2010

O Concello de Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), impulsan unha campaña que ten como obxectivo promover a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue e, deste xeito, garantir o axeitado desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos. Nos últimos días e tamén ao longo da próxima fin de semana, os usuarios e usuarias das praias do municipio recibirán información cumprida da próxima campaña de doazón do CTG, especialmente a través dos altofalantes dos areais. Carballo rexistrou en 2009 un total de 1.185 doazóns, con 42 por cada 1.000 habitantes e ano, o que supera as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Aínda así, "facemos este chamamento para que os veciños e veciñas respondan e sigan manténdose ou aumentándose os resultados", explica o Alcalde, Evencio Ferrero. As persoas que desexen participar poden acudir á unidade móbil do CTG que estará situada na rúa Cervantes (fronte ao Súper Froiz) o luns 2 e o martes 3 de agosto en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

A Cúpula Caixanova achega a Carballo 'Ciencia Máxica!' o mércores 11 e o xoves 12 de agosto

OBRADOIROS DE 11.30 A 14.00 E DE 18.00 A 21.00 HORAS

A Cúpula Caixanova achega a Carballo 'Ciencia Máxica!' o mércores 11 e o xoves 12 de agosto

Luns 26 de xullo do 2010

Caixanova e o Concello de Carballo colaboran para achegar á Praza do Concello da capital municipal a cúpula Caixanova na Rúa, na que se realizarán obradoiros de ciencia e tecnoloxía dirixidos aos máis cativos e cativas baixo o nome de 'Ciencia Máxica!'. A citá é o mércores 11 e o xoves 12 de agosto e está incluída no programa do Verán Cultural 2010. Pretende "unir ciencia e tecnoloxía e transmitir unha realidade cercana a pesar de parecer ciencia ficción", segundo explica Borja Crespo, responsable da oficina de Caixanova en Carballo. Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, que asinou hoxe o convenio de colaboración que fará posible esta actividade, subliña que "o obxectivo é achegar a ciencia a todos os cidadáns" a través de nove actividades que presentan un conxunto de tecnoloxías que en poucos anos estarán presentes na vida diaria, pero que a día de hoxe semellan sorprendentes. A entrada na cúpula é de balde e o horario é de 11.30 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

Os ingresos por cursos, abonos e tickets do Padroado Deportivo Municipal medraron un 68% no primeiro semestre de 2010

O ÍNDICE DE SATISFACCIÓN DOS USUARIOS/AS É DE 7,49 SOBRE 10

Os ingresos por cursos, abonos e tickets do Padroado Deportivo Municipal medraron un 68% no primeiro semestre de 2010

Venres 23 de xullo do 2010

A enquisa realizada por un total de 398 usuarios e usuarias do Padroado Deportivo Municipal sobre o seu grao de satisfacción no uso das instalacións dos Centros Deportivos realizada en xuño de 2010 reflicte unha valoración de 7,49 sobre 10 sobre a xestión, limpeza e uso das instalacións, así como sobre as actividades, a atención dos monitores e o persoal ou os horarios dos cursos desenvolvidos. Así mesmo, a evolución dos ingresos do Padroado Deportivo no primeiro semestre de 2010 (até o 1 de xullo) indica que o crecemento do saldo respecto do mesmo período de 2009 é dun 67,87%, cuns ingresos de 235.192,20 euros fronte aos 140.105,35 do ano anterior, con 95.086,85 euros máis. Ademais, o 2010 comezou con 1003 abonos e 1916 abonados para chegarse a finais de xuño á cifra de 1486 abonos e de 2818 abonados. Deste xeito supéranse amplamente as previsións para 2010, xa que, segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, esperábase contabilizar arredor de 1.250 abonos a final de ano, mentres que agora as expectativas indican que podería chegarse aos 1.500 abonos.

O pleno aborda a terceira fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal durante as obras

APROBACIÓN INICIAL DA NOVA ORDENANZA DE TRÁFICO

O pleno aborda a terceira fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal durante as obras

Venres 23 de xullo do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo aborda, entre os asuntos, a aprobación da terceira fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos. Esta medida afecta a once postos que están nestes momentos na planta alta do edificio e que volverían a ocupar os postos exteriores. Este cambio está previsto que teña lugar arredor do mes de setembro. Trátase do terceiro traslado que sofren os postos, despois do inicial que fixo que os concesionarios dos postos exteriores se mudasen á segunda planta para permitir o desenvolvemento das obras; e dun segundo que facilitou o traslado dos postos da primeira planta á planta baixa, onde permanecen nestes momentos. Outro dos principais asuntos da orde do día refírese á aprobación inicial da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial que na sesión de xuño quedou sobre da mesa para que os grupos da oposición puidesen examinala en profundidade e realizar propostas e suxerencias, algunhas das cales serán incorporadas á normativa.

A zona azul chega con 92 novas prazas ás rúas Rosalía de Castro, Sol, Milagrosa e Río Miño

PINTADO DAS NOVAS ÁREAS DE ESTACIONAMENTO LIMITADO

A zona azul chega con 92 novas prazas ás rúas Rosalía de Castro, Sol, Milagrosa e Río Miño

Xoves 22 de xullo do 2010

Carballo amplía a zona azul de estacionamento limitado do casco urbano coa colocación da sinalización vertical e horizontal pertinente en catro novos puntos da capital municipal. Esta medida correspóndese coa cuarta fase de implantación de zona azul e afecta á rúa Rosalía de Castro, con 44 prazas de estacionamento; a parte da rúa Sol, dende a glorieta até a ponte, con 14 prazas máis; á praza da Milagrosa, con 20 prazas de aparcamento; e ao primeiro tramo da rúa Miño, con 14 novas prazas de zona azul. Trátase dun total de 92 novos espazos para eliminar os vehículos ventosa do centro urbano carballés limitando o tempo de estacionamento a un máximo de 90 minutos para favorecer a mobilidade dos turismos. O casco urbano conta a partir de agora con preto de 500 prazas de aparcamento regulado por zona azul, uns espazos que foron creados pouco a pouco dende o ano 2002, en que se acondicionaron as primeiras prazas no entorno da Praza do Concello.

Aberto o prazo para participar na II Ruta do Pincho de Verán, que ten lugar entre o 7 e o 29 de agosto

FINS DE SEMANA DE 13.00 A 15.00 E DE 20.00 A 22.00 HORAS

Aberto o prazo para participar na II Ruta do Pincho de Verán, que ten lugar entre o 7 e o 29 de agosto

Mércores 21 de xullo do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, convoca aos locais hostaleiros a participar na II Ruta do Pincho de Verán, co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Poderán participar todos aqueles establecementos, restaurantes e bares situados na capital municipal carballesa. A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 7 e 29 de agosto, en horario de sábados e domingos de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os establecementos interesados deberán presentar a súa solicitude na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños antes das 20.00 horas do día 28 de xullo de 2010. Os establecementos servirán as tapas de xeito gratuíto con cada consumición.

O V Festival Sereas e Piratas da un xiro cara ao pop máis electrónico con grupos "con proxección de futuro"

SÁBADO 24 DE XULLO ÁS 22.00 HORAS

O V Festival Sereas e Piratas da un xiro cara ao pop máis electrónico con grupos "con proxección de futuro"

Mércores 21 de xullo do 2010

A Praia de Razo acolle o sábado 24 de xullo a partir das 22.00 horas o V Festival Sereas e Piratas, unha cita xa consolidada para os amantes da música pop, indie e bizarra que este ano, segundo a organización, da un xiro cara os aires electrónicos que ultimamente pegan forte no panorama musical. Entre as novidades hai que subliñar que os concertos terán lugar no Campo de Fútbol situado a carón da explanada co obxectivo "de ofrecer máis seguridade e control sobre a xente", segundo explica José Antonio Deus, presidente da Asociación Cultural Rebeldía, responsable da cita, a pesares de que a entrada segue a ser de balde. Así mesmo, publícase por primeira vez a revista do festival, na que, ademais de recollerse as principais características dos grupos do Sereas e Piratas, tamén hai outros contidos como un artigo de Rober Bodegas ou unha reportaxe sobre moda: un paso máis de cara ao crecemento da cita. Respecto do programa, Rebeldía lamenta informar de que o grupo Olimpic cáese do cartel por unha pneumonía do batería, polo que están buscando substitutos, aínda que permanecen The Requesters ademais de Noise Project, Colectivo Oruga, Bëlop e Lowcos.

Unha delegación de 50 franceses e francesas da vila irmá de L'Isle Jourdain permanecen esta semana en Carballo

VISITARÁN CONSERVAS CALVO, SANTIAGO E AS RÍAS BAIXAS

Unha delegación de 50 franceses e francesas da vila irmá de L'Isle Jourdain permanecen esta semana en Carballo

Martes 20 de xullo do 2010

Os lazos entre a vila francesa de L'Isle Jourdain e Carballo apértanse esta semana coa visita dunha delegación de 50 veciños e veciñas chegados dende a cidade irmá. Recibidos o luns 19 de xullo no Concello polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; e a presidenta do Comité de Irmanamento, Carmen Rives, permanecen na capital de Bergantiños até o venres 23 de xullo, a maioría acollidos nos fogares dos carballeses e carballesas do Comité e un pequeno grupo nun hotel. Despois dunha longa viaxe en autobús dende o distrito de Gers, na Gascuña tolosana, e representados por Marie Delpeyraux, presidenta da agrupación de 'jumelage' francesa, e por Jaques Andreetta, encargado das relacións co municipio italiano de Motta de Livenza, asistiron a un acto entrañable na Casa no Concello na que se realizou un intercambio de agasallos (na imaxe) entre os representantes das dúas vilas, así como emotivos discursos de benvida nun salón de plenos cheo.

O deporte na natureza é o protagonista da fin de semana a través do ciclismo e o voleibol

DOMINGO 22 DE AGOSTO: RAZO E POLÍGONO DE BÉRTOA

O deporte na natureza é o protagonista da fin de semana a través do ciclismo e o voleibol

Martes 20 de xullo do 2010

Durante a próxima fin de semana teñen lugar en Carballo dúas probas deportivas no medio natural que están a consolidarse na oferta deportiva local. Deste xeito, o domingo celébrase na explanada do areal de Razo o III Torneo de Volei-Praia Concello de Carballo, no que compiten preto de 200 deportistas de toda Galicia. A cita comeza ás 11.00 horas e remata arredor das oito da tarde. O mesmo domingo tamén se celebra a segunda edición das 12 horas BTT, unha proba única en Galicia, organizada polo Club Ciclista Carballo e a Peña Ciclista Media Ducia coa colaboración do Concello. Trátase dunha carreira de velocidade libre onde os participantes percorren un circuíto de 14 quilómetros en modalidade individual ou por equipos, con saída e chegada no polígono de Bértoa. Arredor de 120 ciclistas de toda Galicia e mesmo de Asturias e País Vasco participan este ano no evento, que comeza ás 8.00 e remata ás 20.00 horas.

Subscrito un convenio para a actuación en emerxencias e a prevención e extinción de incendios forestais

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Subscrito un convenio para a actuación en emerxencias e a prevención e extinción de incendios forestais

Luns 19 de xullo do 2010

A reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adhesión do Concello de Carballo a un Convenio de colaboración subscrito entre distintas consellerías da Xunta e a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para a actuación en emerxencias e tarefas de Protección Civil e a prevención e extinción de incendios forestais para 2010. Os integrantes do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) deben recibir un curso teórico práctico de formación da Dirección Xeral de Montes sobre a prevención e extinción de lumes. Así, durante o período da campaña de incendios forestais, que comprende alomenos os meses de xullo, agosto e setembro, o Grumir encargado da prevención de lumes organízase de tal xeito que cobre dúas quendas de vixiancia de oito horas ao día. Cada quenda está cuberta como mínimo por un grupo de cinco persoas, así como cun vehículo pesado de extinción e un todo terreo. O acordo ten vixencia até decembro de 2010.

Compartir: