Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aprobación inicial do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa

SUPÓN A INCORPORACIÓN DE 128 NOVAS PARCELAS DE USO INDUSTRIAL

Aprobación inicial do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa

Luns 27 de setembro do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar inicialmente o proxecto de reparcelación do parque empresarial de Bértoa. Despois de 15 días desde a entrega da documentación por parte de Xestur Coruña -responsable do desenvolvemento do polígono- e logo do exame e comprobacións oportunas por parte dos técnicos municipais, con esta aprobación o Concello de Carballo finaliza o trámite necesario para a exposición pública do proxecto e, unha vez finalizado o prazo de alegacións, a posterior aprobación definitiva. A intención do Goberno é a de axilizar ao máximo os trámites municipais necesarios para que Xestur Coruña proceda ao rexistro das parcelas e as poña a disposición das empresas o antes posible; un fito que, sen dúbida, suporá un factor importante para confrontar a actual crise económica e o inicio dun importante pulo para a dinamización empresarial e a creación de emprego en Carballo.

A imaxe do FIOT 2010 reflicte os enganos e mentiras que serven como fío argumental da XIX edición

XUNTANZA PARA CAPTAR VOLUNTARIADO: LUNS 4 OUTUBRO ÁS 20.30

A imaxe do FIOT 2010 reflicte os enganos e mentiras que serven como fío argumental da XIX edición

Luns 27 de setembro do 2010

Xa está preparada a imaxe da XIX edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Esta imaxe que identifica e promove o festival de teatro publicarase nos carteis que anuncian o festival, na publicidade estática que se colocará nas rúas de Carballo, nos anuncios de prensa, na páxina web do festival e no programa de man. Esta imaxe pretende transmitir tanto a calidade e o coidado que todos os anos se busca co programa, como a novidade, diversidade e modernidade que se lle pretende conferir a este evento. Unha vez máis é o deseñador carballés Alberto Gende o encargado de realizar o cartel. Na proposta deste ano subxace o tema dos enganos, da mentiras, da ocultación, ben do traizoado ben do traidor, derivadas da accións dos "inimigos íntimos", así como unha visión impactante, innovadora e moderna e non carente de risco que pretende estar presente no FIOT 2010. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel ao completo en pdf nesta mesma nova.

A Biblioteca Comarcal de Carballo será un espazo aberto, para todas as idades e "para que a xente se quede a ler"

DE 1.500 METROS CADRADOS, ESTARÁ NA RÚA PONTEVEDRA

A Biblioteca Comarcal de Carballo será un espazo aberto, para todas as idades e "para que a xente se quede a ler"

Venres 24 de setembro do 2010

A nova Biblioteca Comarcal de Carballo será un espazo público "pensado para un Concello de 30.000 habitantes", deseñado para "achegar a xente aos libros", con mediateca de audio e vídeo e unha zona pensada para os máis cativos e cativas, no que se busca "a continuidade e liberdade do usuario", segundo explica o arquitecto encargado da elaboración do proxecto básico, Óscar Pedrós. Terá soto, pranta baixa e un andar "permitindo a circulación libre dos usuarios e a fácil orientación na busca de elementos". O soto estará destinado a arquivo, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. O acceso principal realizarase pola rúa Pontevedra e contará cun total de 1.500 metros cadrados construídos. O orzamento para a súa edificación é de 1,5 millóns de euros que serán achegados na súa totalidade polo Ministerio de Cultura. O prazo de execución marcado para rematar o proxecto finaliza o 31 de decembro de 2012.

O pleno aborda a cuarta fase do traslado provisional dos postos do mercado durante as obras

APROBACIÓN DA CONTA XERAL DO CONCELLO DE DO PADROADO

O pleno aborda a cuarta fase do traslado provisional dos postos do mercado durante as obras

Venres 24 de setembro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro, que se celebra o luns 27 a partires das 20.30 horas, estará en boa parte centrada en asuntos de Facenda e Promoción Económica. Así, un dos principais asuntos da orde do día é a cuarta fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos. Nesta ocasión a muda afecta aos postos de alimentación, que volverán ao primeiro andar. En fases anteriores tíñanse cambiado os postos exteriores ao segundo andar durante o seu acondicionamento, para volver logo ao exterior unha vez rematada a súa reforma. Agora regresan ao primeiro andar os 25 establecementos de alimentación que desenvolveron provisionalmente a súa actividade no soto do mercado. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, subliñan que a obra vai a un ritmo "moi bo" e que, se non hai imprevistos, cumpriranse os prazos de execución previstos, que marcan que a obra deberá estar lista en abril de 2011.

Pentación Espectáculos regresa ao FIOT en 2010 co 'Karaoke' de Neus Asensi e Juanjo Artero

A CITA É NO PAZO DA CULTURA O 1 DE NOVEMBRO

Pentación Espectáculos regresa ao FIOT en 2010 co 'Karaoke' de Neus Asensi e Juanjo Artero

Luns 20 de setembro do 2010

A XIX edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo encherá o escenario do Pazo da Cultura entre o 8 de outubro e o 1 de novembro. A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, como organizadores da máis relevante cita cultural do ano en Bergantiños, están estes días pechando as últimas contratacións das máis importantes compañías de teatro de toda España. Como ven sendo habitual, e seguindo coa liña de traballo de anteriores edicións, inténtase, por un lado, asegurar a presenza das compañías máis notables do actual panorama escénico español e, por outro, manter outras que xa visitaron o Festival e acadaron grande éxito entre o público. Este é o caso de Pentación Espectáculos que regresa ao FIOT a recoller o Premio do público 2009, que acadou unha puntuación de 4,8 sobre 5 na anterior edición con 'Seis clases de baile en seis semanas', protagonizada por Lola Herrera e Juanjo Arteto. Nesta ocasión, representarán a peza teatral 'Karaoke' o luns 1 de novembro, unha comedia de personaxes infelices, repleta de humor, ironía e esperanza.

'Participando': á procura dunha voz para a mocidade na comunidade local

OS MOZOS E MOZAS CHEGADOS DE TURÍN E TORTONA REGRESAN A ITALIA

'Participando': á procura dunha voz para a mocidade na comunidade local

Sábado 18 de setembro do 2010

Os 24 mozos e mozas participantes no proxecto 'Participando: os concellos e a mocidade' pecharon unha intensa semana de actividades dedicadas a reflexionar sobre os espazos para a participación da mocidade no ámbito local. Como última actividade antes das reflexións finais e suxestións para o futuro, os participantes, divididos en grupos formados por mozos e mozas dos tres concellos participantes traballaron no deseño e defensa dun espazo para a participación da mocidade. Ademais dos 12 mozos e mozas de Carballo e dos representantes locais de Igualdade e Xuventude, participaron desde Italia responsables técnicos de políticas xuvenís da Oficina de Intercambios Internacionais do Concello de Turín e da Circunscrición 4 desa cidade, responsables do Centro Xuvenil OFF do Concello de Tortona, ademais de 6 mozos e mozas de cada concello, entre eles dúas representantes do Consello da Xuventude de Tortona e outros que realizan o servicio nacional civil.

Representantes dos concellos da provincia reúnense en Carballo para avanzar na promoción do galego

IV ENCONTRO DE POLÍTIVA LINGÜÍSTICA: 20 DE OUTUBRO

Representantes dos concellos da provincia reúnense en Carballo para avanzar na promoción do galego

Venres 17 de setembro do 2010

Alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as e técnicos/as de normalización lingüística dos concellos da provincia da Coruña, reuniranse o mércores 20 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo para participar no IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais, unha xuntanza promovida pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O Encontro foi presentado no propio Pazo da Cultura polo deputado responsábel da Área de Normalización na Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, e polo presidente da CTNL, Nel Vidal, que salientou que "un dato que chama poderosamente a atención é que máis do 75 por cen dos servizos de normalización lingüística (SNL) que existen en concellos do país están na provincia da Coruña", o que, segundo o voceiro da CTNL, "non é casualidade, pois é o froito da colaboración que ofrece a Área de Normalización da Deputación". Dentro dese traballo está tamén este Encontro, co que se procura a posta en contacto entre os distintos concellos, a coordinación e o deseño de liñas de acción conxunta.

A unidade de socorrismo de Protección Civil ten realizado sete salvamentos ao longo deste verán

PRODUCÍRONSE PRETO DE 600 INTERVENCIÓNS DE BOTIQUÍN

A unidade de socorrismo de Protección Civil ten realizado sete salvamentos ao longo deste verán

Venres 17 de setembro do 2010

A Unidade de Salvamento Acuático de Protección Civil de Carballo, que este ano contou con 32 socorristas que vixiaron os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal entre o 11 de xuño e o 10 de setembro, realizou sete salvamentos ao longo da tempada de verán. Catro deles producíronse na praia das Saíñas -un en xuño e tres en agosto- e outros tres na praia de Razo no mes de agosto. O primeiro deles tivo lugar o xoves 24 de xuño na zona das Pontes; en agosto foron: o martes 3 en que se rescatou a un rapaz de 17 anos veciño da Silva na zona de Intermedia; o xoves 5 houbo un salvamento múltiple de 4 rapaces por un golpe de mar na zona Intermedia e outro salvamento dunha persoa de 44 anos na zona da Cabreira; en Baldaio tivo que efectuarse un salvamento o venres 20 de S.O., un carballés de 32 anos na zona libre e houbo outro salvamento ese mesmo día de dúas persoas J.F.V -45 anos- e D.F.A -8 anos- de Coristanco na zona das Pontes. Na Pedra do Sal non foi necesario realizar ningún salvamento en todo o verán.

Os integrantes do proxecto 'Participando' rematan unha intensa semana chea de actividades

REGRESAN A ITALIA O SÁBADO 18 DE SETEMBRO

Os integrantes do proxecto 'Participando' rematan unha intensa semana chea de actividades

Xoves 16 de setembro do 2010

Os integrantes do proxecto europeo 'Participando: os concello e a mocidade' -que reúne a 24 mozos e mozas do Concello de Carballo e dos concellos italianos de Turín e Tortona- seguen co seu intenso programa de traballo que se estende desde a súa chegada o martes 14, ata a súa partida o sábado 18 de setembro. Ao longo da mañá do xoves, os participantes no proxecto traballaron nun obradoiro de deseño de espazos de participación local por medio dun traballo en grupos, logo da intensa xornada de onte onde se valoraron as boas prácticas recollidas durante o proxecto e se reflexionou sobre as diferentes formas de participación, desde as máis formais, como os consellos consultivos da mocidade, ata sistemas de democracia directa, ademais de manterse un encontro co Alcalde, Evencio Ferrero. Logo da visita á Oficina de Información Xuvenil do Concello da Coruña, está previsto tamén para a tarde do xoves un encontro con representantes do Consello da Xuventude de Galicia en Santiago para intercambiar impresións.

Mozos e mozas do programa 'Participando' intercambian experiencias e opinións co alcalde carballés

PERMANECEN ATA O SÁBADO EN CARBALLO

Mozos e mozas do programa 'Participando' intercambian experiencias e opinións co alcalde carballés

Mércores 15 de setembro do 2010

Un grupo dos 24 mozos e mozas incluídos na iniciativa europea 'Participando: os concellos e a mocidade' veñen de intercambiar experiencias, impresións e opinións sobre a comunidade local, a Unión Europa ou a participación da xuventude na vida política co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e co Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo. O proxecto reúne a un conxunto de mozos e mozas de Carballo e de Turín e Tortona (Piamonte-Italia) de entre 18 e 30 anos para reflexionar sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea. Despois dunha recepción na Alcaldía, na que se intercambiaron agasallos, como unha placa conmemorativa de Turín, libros ou incluso doces típicos, mantívose unha xuntanza no salón de plenos e ambas partes amosaron a súa vontade de seguir mantendo contactos na procura de novas oportunidades de manter relacións e crear proxectos en común no futuro.

O Vipecón Xiria e o ABC Braga, gañadores do VII Torneo Internacional Concello de Carballo

VENCERON AO MARISTAS E AO VALLADOLID

O Vipecón Xiria e o ABC Braga, gañadores do VII Torneo Internacional Concello de Carballo

Martes 14 de setembro do 2010

A fin de semana do 11 e 12 de setembro os pavillóns Carballo Calero e Vila de Noia da capital municipal acolleron o VII Torneo Internacional Concello de Carballo. Os gañadores foron o Vipecón Xiria en categoría cadete e o ABC Braga en xuvenil. Os carballeses do Vipecón fixeron valer os prognósticos, posto que xa derrotaran ao Maristas de Algemesí na mañá do domingo na 3ª xornada da fase de grupos por 39-32. Na final, disputada o domingo ás catro da tarde, os do Vipecón Xiria volvían vencer aos valencianos do Maristas por un claro 31-24, nun encontro que estivo dominado en todo momento polos rapaces de Pablo Filgueira e Fernando Vázquez. A final da categoría xuvenil disputárona o ABC de Braga e o BM Valladolid, nun encontro moi igualado que finalmente levaron os portugueses por tan só un gol de vantaxe. O torneo contou cun total de 140 participantes e catro equipos: o BM Valladolid, o ABC de Braga (Portugal), o CB Maristas de Algemesí (Valencia) e as Escolas de Balonmán Xiria.

A XIX edición do FIOT chega coa primeira coprodución teatral do festival: 'Un cranio furado'

EN COLABORACIÓN COA COMPAÑÍA MOFA E BEFA

A XIX edición do FIOT chega coa primeira coprodución teatral do festival: 'Un cranio furado'

Luns 13 de setembro do 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) chega este ano 2010 á edición número XIX. Superada a maioría de idade, segue a dar pasos que o fan medrar cada vez. Nesta ocasión o festival conta cunha importante novidade, a súa primeira coprodución teatral en colaboración coa compañía Mofa e Befa. O seu director Kiko Cadaval, xunto con Víctor Mosquera (os dous distinguidos co galardón Xograr de Outono) e Evaristo Calvo, embárcanse nesta aventura titulada 'Un cranio furado'. Iniciaron a andaina do novo proxecto no FIOT de 2009 e a estrea está prevista para o venres 15 de outubro, cun novo pase ao día seguinte. Ademais, os últimos ensaios e preparativos terán lugar no Pazo da Cultura. Desgránase así unha das propostas do Outono de Teatro, que ultima os detalles dun cartel no que, de novo, visitarán o Pazo da Cultura as principais compañías españolas, galegas e mesmo internacionais da man do Concello e a Asociación Cultural Telón e Aparte.

Compartir: