Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil celebra o seu 25 aniversario cunha semana de obradoiros e actividades

ENTRE O DOMINGO 20 E O SABADO 26 DE MAIO NO FÓRUM CARBALLO

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil celebra o seu 25 aniversario cunha semana de obradoiros e actividades

Martes 15 de maio do 2012

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo celebra os seus 25 anos de vida cunha semana chea de obradoiros, prácticas, simulacros e incluso una exposición no recinto Fórum Carballo do barrio da Milagrosa. Entre o domingo 20 e o sábado 26 de maio o alumnado dos centros de ensino do municipio, os maiores dos centros da terceira idade carballeses, a Asociación de Amas de Casa, Aspaber e o público en xeral poderán coñecer de primeira man o traballo da agrupación durante os seus 25 anos de historia, aprender as claves dos primeiros auxilios ou realizar prácticas relacionadas con accidentes e incendios domésticos. Nas actividades programadas está previsto que participen máis de 1.200 persoas da vila, sen contabilizar ao público en xeral, durante os sete días de actos, que principian o domingo 20 de maio coa apertura dunha mostra fotográfica e de material da Agrupación que poderá visitarse na entrada da nave 1 do Fórum. O aniversario péchase o sábado 26 de maio entre as 12.00 e as 14.00 horas cun simulacro no que se realizará o rescate de persoas atrapadas nun vehículo así como a extinción dunha fuga de gas. O presidente da agrupación, José Luis Barca Añón, quixo agradecer a colaboración da Xunta e a Deputación na celebración do aniversario, e especialmente a do Concello de Carballo, que a pesares da situación económica "este ano non recortou nin un so euro" para este departamento.

O Concello recibe un vehículo para o departamento de Servizos Sociais que proporcionará transporte gratuíto a quen o precise

O FINANCIAMENTO CORRE A CARGO DE EMPRESAS DO MUNICIPIO

O Concello recibe un vehículo para o departamento de Servizos Sociais que proporcionará transporte gratuíto a quen o precise

Martes 15 de maio do 2012

O Concello de Carballo vén de recibir de mans da empresa Vehículos Sociales Móviles SL un medio de transporte con capacidade para 9 persoas que aproveitará o departamento de Servizos Sociais. A empresa cede o vehículo para uso municipal durante cinco anos a cambio de insercións publicitarias por parte de negocios do municipio no propio vehículo. Neste caso teñen colaborado un total de 19 empresas. O novo medio de transporte será empregado para proporcionar desprazamentos gratuítos a aqueles que máis o precisen, con especial atención aos beneficiarios/as do Servizo de Axuda no Fogar. Así, esta axuda proporciona coidados de carácter persoal, psicosocial, doméstico e técnico a aqueles/as cidadáns que presenten disfuncións ou discapacidades que lles limiten a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social, e que teñan dificultades para procurar o seu benestar físico, social e psicolóxico. O Alcalde, Evencio Ferrero, explicou que o proxecto "lévase xestionando durante moito tempo", aínda que a crise atrasou a súa posta en marcha. Agradeceu a participación das empresas porque "nos tempos nos que estamos é difícil, pero tamén é cando a solidariedade se fai máis necesaria". A cita contou coa presenza de representantes das empresas colaboradoras e da Concelleira de Benestar, Silvana Castro.

Carballo festexa o Día das Letras co maratón "As Letras en Voces" e coa música de Sés e "Vitaminas para o galego"

MÉRCORES 16 E XOVES 17 DE MAIO

Carballo festexa o Día das Letras co maratón "As Letras en Voces" e coa música de Sés e "Vitaminas para o galego"

Luns 14 de maio do 2012

O Concello carballés festexa un ano máis o Día das Letras cunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura durante todo o mes de maio. Porén, un dos actos máis tradicionais do Programa das Letras celébrase precisamente o día 17, en que se ten lugar o maratón "As letras en voces", unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido de 2012, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. Paz-Andrade foi un activista na procura do progreso de Galicia e exerceu ese compromiso dende as súas múltiples facianas: político, xornalista, avogado, economista, escritor e empresario. Fundou e dirixiu o xornal de Galicia e dirixiu tamén a revista Industrias Pesqueras. Co maratón de lectura, o Concello homenaxea á lingua galega, un dos expoñentes da nosa cultura, como vehículo de expresión e creación, involucrando aos cidadáns e aos seus representantes educativos, políticos, culturais, sociais e económicos. A cita está aberta á cidadanía, e os interesados e interesadas en reservar horario (dispoñible entre as 11.00 e as 13.30 horas) poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 ou solicitándoo no correo electrónico <cultura@carballo.org>.

O Concello lembra aos veciños e veciñas que a normativa municipal prohibe deixar as deposicións dos cans na rúa

A POLICÍA LOCAL VIXIARÁ O CUMPRIMENTO DA ORDENANZA

O Concello lembra aos veciños e veciñas que a normativa municipal prohibe deixar as deposicións dos cans na rúa

Venres 11 de maio do 2012

O Concello de Carballo solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa Ordenanza municipal que regula a protección e tenencia de animais e non deixen os excrementos dos seus cans nas rúas da vila. Así, segundo a norma "queda absolutamente prohibido que os propietarios ou posuidores de cans deixen as deposicións dos seus animais en parques infantís ou xardíns de uso frecuente por parte dos nenos, así coma nas beirarrúas e zonas de paso de peóns, e en xeral, en toda a vía pública". Ademais "as deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios ou posuidores dos cans e colocaranse de maneira hixienicamente aceptable nos colectores de recollida de lixo nos lugares destinados expresamente ao devandito efecto". Por último, "queda prohibido depositalos en papeleiras públicas ou nas entradas das cloacas da rede de sumidoiros". Neste caso as sancións están tipificadas como leves, e poden ir dende os 150 aos 300 euros. Así mesmo, a administración local lembra que hai habilitados no Parque do San Martiño e no Parque do Anllóns espazos especiais para que os cans fagan as súas necesidades para facilitarlle aos veciños e veciñas o cumprimento da Ordenanza. Dende o Concello informan de que a Policía Local vixiará especialmente o cumprimento da norma.

Nenos e nenas de Guadalaxara e Alacante coñecen Carballo e a comarca nun intercambio co CEIP Gándara-Sofán

TRÁTASE DUNHA INICIATIVA ENMARCADA NO PROGRAMA ARCE

Nenos e nenas de Guadalaxara e Alacante coñecen Carballo e a comarca nun intercambio co CEIP Gándara-Sofán

Xoves 10 de maio do 2012

Un grupo de preto de 80 persoas -entre alumnado, nais e pais e profesorado- do CRA (Colexio Rural Agrupado) El Rincón de Castilla de Guadalaxara e do CRA L'Encantada de Alacante están visitando estes días Carballo e a súa contorna no marco dun intercambio co CEIP Gándara-Sofán. Trátase dunha iniciativa incluída dentro do programa ARCE do Ministerio de Educación que ten como obxectivo favorecer a colaboración entre centros para establecer redes ou proxectos comúns que se leven a cabo en equipo entre todas as institucións participantes, así como o coñecemento doutros lugares e culturas. Os nenos e nenas desprazados teñen entre 3 e 12 anos e levan dende o luns realizando actividades como visitas a Santiago de Compostela e A Coruña, á praia de Cabanas e especialmente ás Fragas do Eume, xa que, dentro do programa ARCE, estes tres centros desenvolven o proxecto "Cando os bosques falaban". Hoxe a delegación foi recibida no CEIP Gándara-Sofán polo Alcalde, Evencio Ferrero, e pola Concelleira de Cultura, Mar Eirís, para despois realizar actividades e xogos durante toda a mañá. O centro carballés decorouse coma se dun bosque se tratase e ademais os cativos e cativas celebraron a Festa dos Maios, para exaltar a natureza, a primavera e o mes das flores. Xa pola tarde, desprazaranse ata A Coruña para poder coñecer o Aquarium Finisterrae e a Domus.

O pianista carballés Iago Franqueira participa na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012 en Vilagarcía de Arousa

SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MAIO

O pianista carballés Iago Franqueira participa na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012 en Vilagarcía de Arousa

Xoves 10 de maio do 2012

O pianista carballés Iago Franqueira, que cursa estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música de Carballo dende os 8 anos participa o sábado 12 e o domingo 13 de maio na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012, que se celebra en Vilagarcía de Arousa. Trátase dun certame de carácter bienal que ten o obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando a aqueles músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do Norte de Portugal, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico. A cita xira arredor da música clásica e conta con tres categorías: agrupacións de cámara -de 2 a 6 integrantes-; agrupacións maiores (orquestras, bandas, ensembles, etc.) -a partir de 7 integrantes-; e solistas, categoría na que participa Iago Franqueira no grupo B, de 14 a 18 anos e que ofrece un premio en metálico de 750 euros. Os participantes deben interpretar unha ou varias obras de libre elección cunha duración máxima de 10 minutos, no caso dos solistas, e de 15, nas agrupacións. O sábado 12 desenvólvese a fase previa e as finais son o domingo 13, con 15 participantes (3 por categoría e grupo).

O Fórum ocupa todos os seus talleres co visto e prace para a homologación de oito especialidades formativas

COMEZA O PROCESO PARA OBTER OUTRAS 15 CERTIFICACIÓNS

O Fórum ocupa todos os seus talleres co visto e prace para a homologación de oito especialidades formativas

Mércores 9 de maio do 2012

A Xunta de Galicia vén de acreditar ao Concello de Carballo para impartir oito especialidades formativas no recinto Fórum Carballo polo que o complexo poderá funcionar ao cen por cen. Así, concedeuse a homologación para emitir os seguintes certificados de profesionalidade: cociña, caldereiro industrial, deseñador web e multimedia, ebanista, soldador de estruturas metálicas, xefe de sala-maître, informática de usuario e cachoteiro. Con estas oito especialidades todas as naves do Fórum equipadas con talleres contarán con actividade formativa. Está previsto tamén achegar nova documentación para poder acadar outras cinco especialidades xa solicitadas. Así mesmo, a Concellaría de Formación que dirixe Marcos Trigo informa de que está previsto iniciar os trámites para obter a certificación doutras 15: soldadura oxigás e mig/mag, montador de estruturas metálicas, soldadura con electrodo revestido e tig, operacións básicas de cociña, operacións básicas de restaurante-bar, servizos de bar e cafetería, control de proxectos e obras de construción, colocación de pedra natural, administración de servizos de Internet, programación de sistemas informáticos, instalación de mobles, montaxe de mobles e carpintaría, mantemento de elementos non estruturais de carrocería de vehículos, operador auxiliar de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios e montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión.

Máis de 400 nenos e nenas visitan Carballo no marco do Campionato provincial de balonmán alevín, benxamín e infantil

SÁBADO 12 DE MAIO ENTRE AS 10.00 E AS 19.00 HORAS

Máis de 400 nenos e nenas visitan Carballo no marco do Campionato provincial de balonmán alevín, benxamín e infantil

Mércores 9 de maio do 2012

Os pavillóns Carballo Calero, Vila de Noia e Fogar da capital carballesa acollen o sábado 12 de maio a fase final do Campionato provincial de balonmán en categorías alevín mixta, benxamín mixta e infantil masculina e feminina no que participan as Escolas de Balonmán Xiria. Arredor de 400 nenos e nenas de entre 6 e 12 anos distribuídos en 30 equipos disputarán máis de 40 partidos nunha xornada intensiva entre as 10.00 e as 19.00 horas. O Concelleiro de Deporte Marcos Trigo, subliña a importancia de que Carballo acolla unha fin de semana máis un evento deportivo deste nivel e o Alcalde, Evencio Ferrero, afirma que é "un privilexio poder ver de forma tan continuada a actividade das escolas deportivas", e especialmente das Escolas de Balonmán Xiria que son "un modelo a seguir". Respecto da competición, o delegado territorial da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, explica que pertence ao programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da propia Federación e tamén de Carballo Deporte. Serán "nove horas case ininterrompidas de balonmán", segundo López, pero tamén, en verbas do presidente das Escolas de Balonmán Xiria, Álex Cousillas "unha xornada estupenda de convivencia para os rapaces e rapazas". Os interesados e interesadas poden descargar os horarios da cita ao completo, premendo aquí.

O pleno aproba por unanimidade o novo Regulamento do Mercado Municipal e a adxudicación de tres postos de alimentación

LUZ VERDE PARA UN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO

O pleno aproba por unanimidade o novo Regulamento do Mercado Municipal e a adxudicación de tres postos de alimentación

Martes 8 de maio do 2012

O pleno da corporación, reunido nunha sesión extraordinaria o luns 7 de maio vén de darlle o visto e prace por unanimidade á aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal de Abastos, así como á adxudicación da concesión administrativa de tres postos de alimentación do primeiro andar. No primeiro caso, o Regulamento é unha norma tipo que recolle moitos dos puntos do anterior, aínda que actualizando certos elementos como o canon ou as taxas. Así mesmo, a normativa conta con algunhas novidades, como o establecemento dunha sinalización e un equipamento común por gremios nos postos da praza de abastos, con cores identificativas: azul-peixerías, vermello-carnicerías, verde-froiterías, amarelo-panaderías. A sinalización estaría complementada cun vestiario para os praceiros acorde, nas mesmas cores. Outra das novidades refírese ao apartado de promoción e publicidade, coa inclusión dun apartado na páxina web municipal con información relativa aos postos, aos produtos que teñen á venda, á inclusión de reparto a domicilio, a promocións que queiran poñer en marcha, etc. No que respecta á adxudicación, un dos postos será para peixe con 7 metros cadrados; outro para froitas e verduras con 16,9 metros; e un terceiro estaría destinado a carnicería con 11,7 metros. O importe total da adxudicación dos tres supera os 46.000 euros.

Carballo celebra o mes das Letras en honor de Valentín Paz-Andrade con música, festivais, teatro, libros e exposicións

AS LETRAS EN VOCES: O DÍA 17

Carballo celebra o mes das Letras en honor de Valentín Paz-Andrade con música, festivais, teatro, libros e exposicións

Luns 7 de maio do 2012

Carballo celebra o Día das Letras do 17 de maio a través dun programa de actividades que dura todo o mes e que se centra nunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura con propostas moi diversas como teatro, concertos, exposicións ou festivais. O Programa das Letras 2012 está organizado pola Concellaría de Cultura, pero tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial. Como cada ano, o acto máis esperado é o maratón "As letras en voces", o día 17 de 11.00 a 13.30 horas, unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. O obxectivo da cita é "realizar unha homenaxe á lingua galega como vehículo de expresión e creación, e como un dos expoñentes esenciais da nosa cultura", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 e no correo <cultura@carballo.org>.

Luz verde para o expediente de contratación para a colocación de postos na rúa durante as festas patronais de San Xoán 2012-2013

CONVENIO DE ACTUACIÓNS MUSICAIS PARA O ANO 2012

Luz verde para o expediente de contratación para a colocación de postos na rúa durante as festas patronais de San Xoán 2012-2013

Luns 7 de maio do 2012

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación para a "Concesión demanial da utilización privativa de bens de uso público municipal no casco urbano para a colocación de postos durante as festas patronais de San Xoán 2012-2013". A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto utilizando como único criterio de valoración das ofertas o prezo e afecta á instalación de barracas, carruseis e demais postos, elementos e xogos exclusivos e típicos da festa. A cantidade que o concesionario deberá pagar ao Concello será, como mínimo, de 24.183, 25 euros ao ano por cinco días de ocupación cada anualidade (4.836,65 euros/día), realizándose as ofertas á alza. O contrato terá unha vixencia bianual para os anos 2012 e 2013 e poderá ter unha prórroga dun ano por acordo expreso do órgano de contratación. A sesión supuxo así mesmo a aprobación do Convenio marco de Actuacións Musicais a favor de grupos de música e danza tradicional, masas corais, orquestras, conxuntos e bandas de música para o ano 2012, que ten por obxecto contribuír á promoción da música e o folclore que se desenvolve no Concello de Carballo e a difundir o labor que realizan as agrupacións musicais do municipio.

O pleno aborda a aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal e a adxudicación de tres postos de alimentación

COMPARECENCIAS DE BELÉN LENDOIRO E EVENCIO FERRERO

O pleno aborda a aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal e a adxudicación de tres postos de alimentación

Venres 4 de maio do 2012

A corporación carballesa celebra o luns 7 de maio un pleno extraordinario no que dous dos principais puntos da orde do día refírense ao novo mercado. Así, está previsto abordar a aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal de Abastos, un documento que foi estudado durante o mes de abril por todos os grupos da corporación e que inclúe novidades como o establecemento dunha sinalización e un equipamento común por gremios nos postos da praza ou a inclusión de mecanismos de publicidade como un apartado na páxina web municipal con información relativa aos postos, aos produtos que teñen á venda, á inclusión de reparto a domicilio, a promocións que queiran poñer en marcha, etc. No decorrer da comisión informativa houbo discrepancias entre os grupos políticos municipais sobre o artigo do regulamento referido ao emprego do galego na rotulación e sinaléctica do edificio, polo que haberá que esperar á resolución plenaria para despexar as dúbidas neste punto. O outro asunto relacionado co mercado municipal aborda a adxudicación da concesión administrativa de tres postos de alimentación do primeiro andar: un para peixe de 7 metros cadrados; un de froitas e verduras de 16,9 metros; e un destinado a carnicería de 11,7 metros. O importe total da adxudicación dos tres supera os 46.000 euros.

Compartir: