Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A escudaría Máis Motor inaugura a tempada no Circuíto de Bértoa coa celebración do 1º Autocross Carballo

SÁBADO 24 DE MAIO COS ADESTRAMENTOS A PARTIR DAS 12.00 HORAS

A escudaría Máis Motor inaugura a tempada no Circuíto de Bértoa coa celebración do 1º Autocross Carballo

Mércores 21 de maio do 2014

O 1º Autocross Carballo, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross, inaugura a tempada de motor do ano 2014 no Circuíto de Bértoa. Trátase tamén da primeira proba que organiza a escudaría Máis Motor (+ motor), que comezou a súa andaina a primeiros de maio e que con este autocross afronta a súa primeira cita deportiva. O sábado 24 de maio está previsto que arredor de 70 pilotos comproben a efectividade das actuacións realizadas nos últimos tempos no circuíto carballés, que van dende a mellora dos espazos e a seguridade do público, ata a creación do abastecemento de auga para os vestiarios ou a mellora dos valados e do podio. Segundo o vicepresidente de Máis Motor, Iván René Barreiro, "é a primeira vez que o circuíto está tan perfecto", permitindo que se lle tire o máximo partido ás instalacións. Respecto dos horarios da cita, o sábado 24 ás 9.00 e ás 9.15 horas serán as verificacións administrativas e técnicas, mentres que ás 12.00 horas, e despois da comprobación da listaxe de pilotos, xa dan comezo os primeiros adestramentos en categoría 1.600 cc, Kart-Cross e 4x4. Xa pola tarde, a partir das 15.30 horas, disputaranse as semifinais, coas finais previstas a partir das 17.15 horas e a entrega de trofeos para as 19.30 horas.

Éxito de convocatoria nos obradoiros do Horto Infantil Municipal, a primeira iniciativa deste tipo en toda a comarca

ESTÁN PRACTICAMENTE CUBERTAS TODAS AS PRAZAS OFERTADAS

Éxito de convocatoria nos obradoiros do Horto Infantil Municipal, a primeira iniciativa deste tipo en toda a comarca

Martes 20 de maio do 2014

O luns 19 de maio botou a andar a actividade no Horto Infantil Municipal, unha iniciativa na que os cativos e cativas de Infantil e Primaria de Carballo poderán reflexionar de forma lúdica acerca da natureza, o consumo responsable, a alimentación sa ou a reciclaxe a través de numerosas actividades. Nestes momentos xa están practicamente cubertas as prazas para participar nos primeiros cinco obradoiros (con entre 15 e 20 prazas dispoñibles en cada un) que terán lugar no Horto Ecolóxico da Rúa Nardos da capital municipal. Os talleres (un deles na imaxe) son gratuítos e os interesados e interesadas poden obter máis información sobre as actividades e as prazas que queden dispoñibles ben no propio Horto ou a través do enderezo electrónico <hortoinfantil@carballo.org>. Respecto das temáticas dos obradoiros que comezan, dous deles realizados polo Concello, outro pola asociación ecoloxista Adega, e outros dous pola Asociación Ambiental Senda Nova, abranguen desde como crear un xardín ornamental, ata aprender a facer compostaxe, a creación dunha horta ou a realización de actividades de achegamento á natureza. Ademais, tamén está previsto que os nenos e nenas creen no futuro unha cooperativa cos produtos que cultiven e celebren Pequefeiras nas que venderán o obtido do seu traballo. Entrarán en contacto coa terra e co campo como modo de vida, ao mesmo tempo sementando neles o espíritu de iniciativa e de emprendemento, cooperación e xestión.

A Asociación As Eiroas de empresarios do Polígono de Bértoa e o Concello asinan un convenio para mellorar a vídeo vixilancia

O OBXECTIVO É MELLORAR A SEGURIDADE NO PARQUE EMPRESARIAL

A Asociación As Eiroas de empresarios do Polígono de Bértoa e o Concello asinan un convenio para mellorar a vídeo vixilancia

Martes 20 de maio do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura dun convenio de colaboración entre a Asociación As Eiroas de empresarios e propietarios do Parque Empresarial de Bértoa e o Concello de Carballo para a instalación de sistemas de vídeo vixilancia, o que suporá a ampliación dos existentes na actualidade. Formalizaron a sinatura o Alcalde, Evencio Ferrero, e o presidente da entidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha cita na que tamén estiveron presentes outros membros da asociación e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. O obxectivo do acordo é o de mellorar a seguridade, reducir o número de incidencias e reducir o custo que supón para o sector empresarial o mantemento dun servizo de vixilancia privada. O Concello comprométese a colaborar coa achega dun total de 10.000 euros para poder ampliar o sistema e o circuíto de cámaras de seguridade. A cambio da achega municipal, As Eiroas deberá presentar a factura correspondente ao investimento e o xustificante de pago, ademais de presentar unha memoria redactada pola empresa instaladora na que se describan os investimentos realizados e se xustifique o cumprimento da normativa vixente para a instalación. Este convenio recibiu a súa aprobación na Xunta de Goberno Local celebrada o 19 de maio.

O Alcalde e a Concelleira de Educación reúnense coas nais e pais dos nenos e nenas de tres anos que quedaron sen praza no Fogar

A COMISIÓN DE ESCOLARIZACIÓN CELÉBRASE O MARTES 20 DE MAIO

O Alcalde e a Concelleira de Educación reúnense coas nais e pais dos nenos e nenas de tres anos que quedaron sen praza no Fogar

Luns 19 de maio do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de manter na Casa do Concello unha xuntanza con preto de vinte nais e pais que solicitaron praza para o curso 2014-2015 no CEIP Fogar e que quedaron sen ela. O total de nenos e nenas de tres anos afectados son 22, dos que 17 residen na área de influencia do centro, e que en principio, e á espera da celebración da Comisión de escolarización prevista para o martes 20 de maio, non poderían matricularse no Fogar e pasarían a cursar estudos ben no CEIP Bergantiños nunha nova aula habilitada despois dos traballos de ampliación, ben a través da habilitación dunha nova unidade de Educación Infantil no CEIP A Cristina. O que defenden as nais e pais afectados é que se manteña a novena unidade de Educación Infantil que até este mesmo curso estaba funcionando no CEIP Fogar e que non a eliminen, porque de manterse a que xa hai poderían escolarizarse os nenos e nenas que quedaron fóra. As nais e pais explican que o motivo que lles dou a Xunta para suprimir esta unidade é o de aforrar custos, mais eles cren que, mentres que no CEIP Fogar xa se conta cun espazo habilitado para manter a aula, na Cristina si que habería que realizar un investimento para acondicionar unha nova. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explicou que "o Concello apoia totalmente ás nais e ás pais afectados" na súa defensa de "que se manteñan no Fogar as nove unidades que había até o de agora".

O Concello avanza na tramitación do PXOM despois de que Patrimonio anuncie que xa ten remitido o seu informe preceptivo

O SEGUINTE PASO É CONSEGUIR O INFORME MEDIO AMBIENTAL

O Concello avanza na tramitación do PXOM despois de que Patrimonio anuncie que xa ten remitido o seu informe preceptivo

Luns 19 de maio do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, veñen de manter unha xuntanza na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia na que estivo presente a súa responsable, María del Carmen Martínez Ínsua, ademais doutros representantes do departamento, na que se informou de que xa teñen remitido ao Concello o informe de patrimonio necesario para avanzar na aprobación provisional no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Lantes explica que o Concello non ten recibido a documentación polo de agora, aínda que confía en que chegue ás dependencias municipais nos próximos días. Segundo explicaron en Patrimonio, o informe recolle varias directrices, pero ningunha afectaría á clasificación do solo, aínda que si á revisión do catálogo. En todo caso, ao non afectar á clasificación, o Concello considera posible, e así o acordaron tamén desde Patrimonio, poder continuar coa tramitación do PXOM remitindo o documento para que se poida elaborar o informe medio ambiental ao mesmo tempo que, de forma paralela, se incorporan ao planeamento as modificacións recomendadas por Patrimonio e avanzar de cara á aprobación provisional no pleno da corporación. Milagros Lantes quere lembrar que o Concello leva 15 meses esperando polo informe preceptivo de patrimonio imprescindible para aprobar o PXOM, xa que se solicitou en febreiro de 2013 e reiterouse a solicitude ante a Xunta en novembro do mesmo ano.

Luz verde na Xunta de Goberno para a creación dunha aplicación web para xestionar o servizo de axuda no fogar do Concello

CARBALLO ACOLLERÁ O X CURSO SOBRE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Luz verde na Xunta de Goberno para a creación dunha aplicación web para xestionar o servizo de axuda no fogar do Concello

Luns 19 de maio do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de sacar adiante o expediente do contrato administrativo de servizos para a creación dunha "Aplicación web para a xestión do servizo de axuda no fogar do Concello de Carballo". O orzamento de contrata ascende a 16.000 euros por un período de duración inicial de catro anos. A adxudicación realizarase por procedemento aberto con varios criterios entre os que hai que subliñar o económico (con 55 puntos) e as solucións técnicas que recollen o plan de traballo ou o de mantemento entre outros elementos (45 puntos). O orzamento anual do contrato será de 4.000 euros (IVE incluído). Tamén no apartado de contratación, acordouse declarar deserta a adxudicación do contrato administrativo de "Subministro por renting de dous vehículos con destino á Policía Local do Concello de Carballo e comezar un novo proceso. No que se refire ao apartado de convenios, mantense un ano máis a colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) para a celebración do "X Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística. Traballando en lingua" (na imaxe a apertura da actividade no Fórum en 2013). O obxectivo da cita é o de analizar e avaliar conxuntamente experiencias e estudos en dinamización mediante o coñecemento do traballo doutros profesionais e vendo a súa aplicación á dinamización lingüística.

O Horto Infantil Municipal nace como un espazo lúdico no que os cativos reflexionen sobre a natureza, o consumo e a reciclaxe

A ACTIVIDADE ARRINCA O 19 DE MAIO CON OBRADOIROS GRATUÍTOS

O Horto Infantil Municipal nace como un espazo lúdico no que os cativos reflexionen sobre a natureza, o consumo e a reciclaxe

Venres 16 de maio do 2014

O luns 19 de maio comeza a actividade no novo Horto Infantil Municipal, unha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira na que os cativos e cativas de Infantil e Primaria de Carballo poderán reflexionar, de forma lúdica, acerca da natureza, o consumo responsable, a alimentación sa ou a reciclaxe a través de numerosas actividades. A partir do 19 de maio, os cativos e cativas que o desexen poderán asistir aos primeiros cinco obradoiros que terán lugar no Horto Ecolóxico situado na rúa Nardos da capital municipal. Así, os talleres son gratuítos e os interesados e interesadas poden apuntarse desprazándose ata o propio Horto ou a través do enderezo electrónico <hortoinfantil@carballo.org>. Cada un dos obradoiros ten prazas para entre 15 e 20 nenos e nenas que deberán levar roupa axeitada (xa que manipularán terra e plantas) e luvas para quen o desexen. Todas as demais ferramentas e materiais necesarios para desenvolver a actividade serán achegados polo Horto Infantil. Respecto das temáticas dos obradoiros que comezan, dous deles realizados polo Concello, outro pola asociación ecoloxista Adega, e outros dous pola Asociación Ambiental Senda Nova, abranguen desde como crear un xardín ornamental, ata aprender a facer compostaxe, a creación dunha horta ou a realización de actividades de achegamento á natureza.

Comeza a implantación das novas lámpadas LED no mapa do alumeado público, o que suporá un aforro dun 80 por cento

OS TRABALLOS PRINCIPIAN NA ZONA COSTEIRA A PARTIR DO 19 DE MAIO

Comeza a implantación das novas lámpadas LED no mapa do alumeado público, o que suporá un aforro dun 80 por cento

Venres 16 de maio do 2014

O Concello de Carballo anuncia, a través da Unión Temporal de Empresas (UTE) Ferroser-Ferrovial -encargada do servizo de alumeado público municipal en virtude do contrato mixto de "Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior"-, que comeza o proceso para a implantación das novas lámpadas de tecnoloxía LED na rede de alumeado público carballesa, o que suporá un aforro medio dun 80 por cento respecto do consumo actual. Así mesmo, o novo sistema mellorará a reprodución cromática e a visibilidade, e achegará unha maior seguridade cidadá. A implantación realizarase tomando como punto de partida a zona norte do concello, concretamente desde a parroquia de Rebordelos, seguindo paralelamente á costa, cara a Razo pasando por Noicela, Lema e Vilela. A data de incio dos traballos establecerase entre o luns 19 e o martes 20 de maio, principiando así unha renovación continua das luminarias ao longo do territorio. O proceso comeza despois de que durante o mes de marzo se realizasen as primeiras probas en 40 puntos de luz nas parroquias de Lema, Sísamo e Oza. Naquel momento tomáronse medidas luminotécnicas para contrastar o cumprimento dos niveis esixidos pola normativa e determinar as ópticas que mellor se adaptan en cada unha das zonas ao alumeado existente. Ao final do proceso teranse substituído arredor de 7.500 luminarias en todo o territorio municipal.

"As letras en voces" conmemora o 17 de maio recoñecendo a lingua galega e involucrando a todos os cidadáns

A PARTIR DAS 11.00 HORAS NO XARDÍN MUNICIPAL

"As letras en voces" conmemora o 17 de maio recoñecendo a lingua galega e involucrando a todos os cidadáns

Venres 16 de maio do 2014

Dentro do Programa das Letras 2014 que organiza a Concellería de Cultura, o sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, ten lugar a tradicional lectura pública e colectiva co maratón "As letras en voces", un dos actos de maior relevancia dos que organiza o Concello dentro da programación dedicada ás Letras, tanto pola súa tradición como polo número de persoas que nel participan. Con esta actividade lémbrase a obra dos 51 escritores/as que foron homenaxeados no Día das Letras -prestando especial atención ao de 2014, Xosé María Díaz Castro (na imaxe)-, ademais de renderse un recoñecemento á lingua galega como vehículo de expresión e creación e como un dos expoñentes esenciais da nosa cultura, involucrando a un gran número de cidadáns de Carballo e dos seus representantes culturais, sociais, políticos e económicos. O acto principia ás 11.00 horas coa Banda Municipal de Gaitas, que dirixe Jesús Moreira, e a continuación comeza a quenda de lecturas por parte dos representantes dos distintos grupos políticos municipais. De seguido será o momento de todas aquelas institucións e veciños e veciñas que desexen participar coa lectura dun fragmento literario que seleccionará o propio lector. Está previsto que a actividade, que conta coa colaboración da Biblioteca Municipal, remate ás 13.30 horas.

Carballo Limpo vén de poñer en marcha unha campaña para mellorar a recollida selectiva no medio rural do municipio

DENDE O 8 DE MAIO INFÓRMASE IN SITU AOS VECIÑOS E VECIÑAS

Carballo Limpo vén de poñer en marcha unha campaña para mellorar a recollida selectiva no medio rural do municipio

Venres 16 de maio do 2014

O Concello, a través de Urbaser-UTE Carballo, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, informa de que dende o pasado xoves 8 de maio estase a levar a cabo unha nova actividade para informar da ampliación da recollida selectiva nas parroquias. A acción está tendo lugar nas zonas nas que se instalaron os novos medios de recollida selectiva no medio rural do municipio e durará todo o mes de maio. Seguindo a liña das últimas accións que está levando a cabo o programa Carballo Limpo, procedeuse á instalación de máis de cen illas verdes nas zonas rurais do concello, onde se colocaron colectores de envases lixeiros de vidro, papel e residuos orgánicos. Agora, persoal de Carballo Limpo informará aos veciños a través dun folleto informativo, no que poderán coñecer as claves sobre como separar o lixo e en que colectores os deben verter, ademais de ser informados doutros aspectos do programa, como a ampliación dos medios existentes e a nova ubicación dos colectores. O obxectivo desta actividade é mellorar a recollida selectiva de lixo nestas zonas, informando aos veciños e veciñas dos novos recursos dos que dispoñen para facelo. Desde Carballo Limpo, agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17 para o Punto Limpo Móbil, a través da páxina web <www.carballolimpo.com> ou no Twitter @CarballoLimpo.

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2014 reparten máis de 3.000 euros entre premios e subvencións

INSCRICIÓNS: ATÉ O 19 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2014 reparten máis de 3.000 euros entre premios e subvencións

Venres 16 de maio do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que a Comisión de Festas inclúe no programa do San Xoán 2014 dúas actividades lúdicas e de elevada participación veciñal que teñen moi boa acollida e cada vez unha maior tradición. Con elas preténdese recuperar e fomentar citas tan importantes como a das cachelas ou incorporar ás Festas un elemento tan representativo de Carballo como o río Anllóns. Así, xa está aberto o prazo para anotarse na XXVII edición do Concurso de Cachelas. As cachelas deberán estar situadas no casco urbano de Carballo ou zonas limítrofes e non poderán realizarse con materiais plásticos, botes de spray, pneumáticos, combustible, ou árbores autóctonas. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077; horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas de martes a venres e sábados e domingos de feira de 12.00 a 14.00 horas) antes das 13.00 horas do xoves 19 de xuño de 2014. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XVII Descenso do Anllóns. Poderán concorrer os equipos compostos por tres ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do día 19 de xuño.

O grupo canario Efecto pasillo será o encargado de animar as Festas de San Xoán na Praza do Concello o 25 de xuño

SON COÑECIDOS POR TEMAS COMO "PAN Y MANTEQUILLA"

O grupo canario Efecto pasillo será o encargado de animar as Festas de San Xoán na Praza do Concello o 25 de xuño

Xoves 15 de maio do 2014

O grupo canario Efecto Pasillo, que ten acadado os primeiros postos nas listas de vendas con temas como "Pan y mantequilla" ou "No importa que llueva", serán os encargados de animar aos veciños e veciñas o 25 de xuño durante as Festas de San Xoán. Así o acaba de anunciar a Asociación Cultural San Xoán, organizadora das celebracións patronais, despois da súa xuntanza semanal, desvelando unha actuación máis do programa despois da presentación do Rockin' a primeiros de maio. Efecto Pasillo conta cunha música alegre, pegadiza e apta para todos os públicos, como demostra o amplo abano de seguidores que ten, e promete facer bailar e cantar ao público que se dea cita na Praza do Concello. Efecto Pasillo irrompeu no panorama musical español no 2010, pero en menos de catro anos converteuse nunha das iconas da música pop actual en España. O grupo canario presentará en Carballo o seu último disco, co que xirará este verán por todo o territorio nacional. Poder escoitalos nun dos grandes concertos das festas do San Xoán, e de forma gratuíta, será un luxazo para os seus seguidores e tamén para quen quieran coñecer a esta banda que xa leva máis de 50 semanas de permanencia no Top 10 das listaxes de vendas co seu último traballo discográfico.

Compartir: