Inicio Carballo ao día Novas O Servizo de Normalización...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN

O Servizo de Normalización Lingüística organiza obradoiros de acollemento lingüístico e de preparación das probas Celga

Martes 6 de febreiro do 2024 Lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo pon en marcha unha nova edición dos obradoiros de acollemento lingüístico e de preparación das probas Celga.

O primeiro vai destinado a persoas de fóra de Galicia, que neste obradoiro de acollemento lingüístico entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas. O curso, que se celebrará sempre que exista un grupo mínimo de 20 persoas inscritas, inclúe un manual de contidos para o alumnado. A formación arrincará no mes de marzo, e as clases serán todos os martes e xoves, de 18.00 a 19.30 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa.

Todas as persoas interesadas poden inscribirse ao longo deste mes de febreiro, enviando a snl@carballo.gal un correo electrónico no que que se indicará o nome e apelidos e un teléfono de contacto. As inscricións realizaranse por orde de chegada das mensaxes ata completar o número máximo de alumnado (25 persoas).

Tamén repetimos os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, para as cales tamén está aberto o prazo de matrícula. Neste caso será preciso contar cun mínimo de 10 participantes. As clases impartiranse todos os xoves, de 19.30 a 21.30 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, a partir do 15 de febreiro. As persoas interesadas pódense inscribir mandando un correo co nome e apelidos e número de teléfono a snl@carballo.gal.

Compartir: