Inicio Carballo ao día Hemeroteca ‘El florido pensil’ e ‘¡Ay Carmela!’ pechan...

CULTURA

‘El florido pensil’ e ‘¡Ay Carmela!’ pechan a XV edición do FIOT

Martes 31 de outubro do 2006

A compañia do País Vasco Tanttaka Teatroa representa El florido pensil. A posguerra, o absurdo e brutal sistema educativo desa época, xunto co cine de barrio, a radio, o tebeo... son os protagonistas dunha historia narrada por cinco rapaces na que todos recoñecemos escenas familiares. Unha época que a distancia fai cómica, unha forma lúdica e divertida de exercer a memoria. Da man da compañía vasca gozaremos no FIOT dun dos maiores éxitos do teatro dos últimos anos en España, baseado no libro, tamén éxito de vendas, El Florido Pénsil. Con máis de 1500 representacións ás súas costas e varios premios, esta obra estreouse no ano 1996 permanecendo en cartel ata o 2002. Dez anos despois Tanttaka volve a recuperar esta comedia que, ás veces, tamén produce calafríos. Non foi este o único gran logro desta compañía de San Sebastián. Despois de case 25 anos, a súa traxectoria de éxitos convértea nunha das máis importantes de España. No ano 2001 visitaba por primeira vez o FIOT con El pianista del océano. Interpretan a obra Enrique Díaz de Rada, Ramón Ibarra, Zorion Egileor, Patxi González, Ricardo Moya, Paco Obregón, Julio Perugorria, José Ramón Soroiz, J. J. Forcada e Naima Salvador, baixo a dirección de Fernando Bernués e Mireia Gabilondo.
Na última das representacións do festival, a Compañía de Miguel Narros, de Madrid, achega a Carballo ¡Ay Carmela!, unha crónica sentimental, emotiva e entrañable da memoria da Guerra Civil, que combina á perfección comedia e drama, deixando ao descuberto a brutalidade e a intolerancia que envolven calquera contenda. Carmela y Paulino, variedades a lo fino, dous cómicos ambulantes que durante a Guerra Civil intentan levar o seu espectáculo por todas as vilas de España tratando de esquivar o fogo cruzado, son detidos e obrigados a representar unha comedia. Escrita por un dos máis importantes autores teatrais españois contemporáneos, José Sanchís Sinisterra, esta obra é xa un clásico do teatro do século pasado. Estreada en 1986 foi tamén levada ao cine con enorme éxito. No 20 aniversario da súa creación chega esta montaxe protagonizada por dous magníficos e populares actores, Verónica Forqué e Santiago Ramos, baixo a dirección do gran Miguel Narros, un dos máis destacados directores de España.

Xoglar de Outono

Este martes, 31 de outubro, e antes da representación teatral, ten lugar tamén a entrega do Premio Xoglar de Outono ao actor cormelá Víctor Mosqueira. Á entrega do premio asisten dous premiados de anos anteriores, Artur Trillo (2004) e Celso Parada (2005), ademáis do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Xosé Luis Bará.

Compartir: