Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle dez funcións da Rede...

CULTURA

Carballo acolle dez funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios no segundo semestre do ano

Mércores 11 de outubro do 2006

Até finais de ano, as actuacións da Rede pendentes no Pazo da Cultura corresponden ao programa xeral -o vindeiro día 14 Teatro Noroeste representa Imperial Café Cantante, incluída no FIOT- a Rededanza -13 rosas de Arrieritos o 28 de outubro, Delicado abismo de Pepe Hevia o 5 de decembro, Menú vexetal de Disque Danza o 6 de decembro, Engado, ilusionistas de a pé de Nova Galega de danza o 7 de decembro e Imaxina que..., de Experimenta Danza o 29 de decembro- e Redesons Clásica -Coruña Brass o 11 de novembro, Doa o 19 de novembro e Il Vechio Borgio o 17 de decembro.

A programación da Rede desenvolverase en 56 teatros de toda Galicia, conta con 332 funcións e un orzamento de 900.000 euros. A provincia da Coruña é a de maior peso do conxunto do país, con 118 funcións.

A Rede iniciará o vindeiro mes de xaneiro unha nova etapa, tras a conclusión dun proceso de reforma no que están a participar os diferentes sectores implicados. Nestes momentos afronta a recta final da súa reformulación, a través da que busca consolidarse como un circuíto de espazos de exhibición, no seo do que se desenvolverán programacións concretas dedicadas aos distintos xéneros. Segundo manifestou Miguel Martín, a Rede ten deseñadas cinco grandes liñas de traballo, que son "establecer un conxunto de programacións para os distintos sectores da poboación, mellorar os espazos de exhibición e establecer unha liña de subvencións desde a Consellería, creación dunha imaxe e melloras na comunicación e accesibilidade á oferta coa posta en marcha dunha páxina web.

A delegada provincial de Cultura, Milagres Lantes, manifestou que o programa pretende "achegar o traballo do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais á cidadanía", mentres que o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou "a presenza destacada que ten Carballo en toda a programación".

Compartir: