Inicio Carballo ao día Avisos Aberto o prazo de solicitude para participar na...

Aberto o prazo de solicitude para participar na 2a edición do Carballo Coworking

Martes 15 de marzo do 2022

Xa está en marcha unha nova edición do Carballo Coworking para ofrecer ás persoas emprendedoras e empresas de nova creación da Costa da Morte un espazo de traballo colaborativo, destinado a impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de iniciativas empresariais vinculadas, preferentemente, ao ámbito da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, o sector audiovisual, o turismo ou a investigación e a economía social.

Todas as persoas cunha idea de negocio e/ou empresas de menos de dous anos de antigüidade que estean interesadas en acceder a un dos 18 postos de traballo habilitados neste espazo, situado no segundo andar da nave 1 do Fórum Carballo, poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Carballo seguindo os requisitos establecidos no regulamento de funcionamento que figura máis abaixo. No primeiro caso, o prazo máximo de permanencia no espazo será de 12 meses, mentres que no segundo poderá prolongarse ata os 3 anos.

Ademais de dispoñer dun local totalmente de balde para traballar, as persoas usuarias deste coworking, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña desde o pasado 1 de marzo de 2020, poderán beneficiarse dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito. Así, aos 156 metros cadrados habilitados para os postos de traballo, haberá que sumarlle un auditorio con capacidade para 100 persoas; unha aula de formación, tamén destinada a sala de xuntanzas e de intercambio de experiencias e ideas; zonas comúns (vestíbulo de acceso, recepción-administración e área de descanso); acceso a medios audiovisuais e conexión a internet de alta velocidade por cable e wifi. Pero a  lista de vantaxes vai más alá do uso das instalacións, ofrecendo outros valores engadidos como a capacidade de descubrir novas oportunidades de negocio, promover sinerxías, crear espírito de comunidade, sesións de networking, accións formativas, etc.

Malia os paróns provocados pola pandemia, a primeira edición do Carballo Coworking resultou un éxito de participación con 13 iniciativas empresariais en marcha e 17 usuarios/as en activo, procedentes de municipios como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso  e, na súa maior parte, Carballo, desenvolvendo as súas ideas e/ou proxectos sobre economía social, artesanía ou téxtil xunto a empresas de nova creación nas que traballaban autónomos e profesionais independentes do ámbito cultural, a fotografía ou o deseño. A pesar dos momentos difíciles e de gran incerteza, moitas das iniciativas aloxadas no coworking carballés lograron triunfar acadando grandes éxitos como Breiko Breiko, unha app para transportistas, deseñada por tres usuarios da nosa comunidade para mellorar a mobilidade por estrada, que logrou ser número 1 de popularidade en Google Play en tan só un mes, e na actualidade xa conta con máis de 15.000 descargas.

Se ti tamén tes unha idea de negocio ou unha empresa de nova creación e precisas apoio e un lugar onde desenvolvela, aquí hai moito para ti! Infórmate chamando ao 881 983 520 ou envía un mail a coordinación@coworkingcarballo.gal. Máis info en www.coworkingcarballo.gal.

Descargas

Compartir: