Inicio Carballo ao día Avisos Aberto do 14 ao 30 de maio o prazo de...

Aberto do 14 ao 30 de maio o prazo de inscrición para os obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Luns 13 de maio do 2019

A Concellaría de Promoción Económica abrirá mañá 14 o prazo de inscrición para participar nos obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. Todas as actividades, tanto as que se desenvolven durante o verán como as que se levan a cabo ao longo do curso escolar, son de balde.

Obradoiros de verán

Esta actividade vai dirixida a nenas e nenos que durante o curso 2018-19 cursaron Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Poderán participar aqueles/as que estean escolarizados/as ou empadroados/as no Concello de Carballo así como os cativos/as que durante as vacacións escolares queden ao coidado dun familiar directo en Carballo. Os obradoiros de verán levaranse a cabo de luns a venres, do 1 ao 31 de xullo e de 10:30 a 12:00 horas, nas seguintes quendas:

  • Luns e xoves
  • Martes e venres
  • Mércores (4º de Educación Infantil)

Inscrición para o próximo curso

Para o curso 2019-2020 poderán participar todos os nenos e nenas que estean escolarizados/as ou empadroados/as en carballo e que cursen Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Os obradoiros desenvolveranse de luns a venres, de 17:30 a 19:00 horas, do 16 de setembro ao 12 xuñoen tres quendas:

  • Luns e xoves.
  • Martes e venres
  • Mércores (4º de Educación Infantil)
Os alumnos/as de 4º de Educación Infantil comezarán o obradoiro o mércores 4 de marzo coa fin de non interferir no proceso de adaptación escolar.

Entrega de solicitudes

As solicitudes de inscrición para calquera dos obradoiros poden presentarse do 14 ao 30 de maio, a través do Rexistro Municipal presentando, debidamente cuberto, o modelo que xa se pode descargar ao final desta nova ou recoller no Museo de Bergantiños de 11 a 14 horas, así como nas instalacións da rúa Nardos, de 17:00 a 19:30 horas. As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de inscrición. No caso de cubrirse todas as prazas, elaborarase unha lista de agarda para cubrir posibles baixas. Tanto nos obradoiros do verán como nos do vindeiro curso, as familias poderán escoller a quenda que prefiran ata cubrir o máximo de 25 prazas, agás no caso do alumnado de 4º de Infantil que irá obrigatoriamente ao obradoiro específico do mércores cun máximo de 15 prazas.

Lembra!

  • No inverno, debido á falta de luz, farase unha parada da actividade do 25 de outubro ao 02 de marzo, non sendo preciso anotarse de novo.
  • Todos os/as participantes deberán traer roupa e calzado axeitado así como auga e protección solar, se procede, xa aplicada na casa.
  • Todas as actividades organizadas no Horto Infantil Ecolóxico son gratuítas.

Descargas

Compartir: