Inicio Carballo ao día Novas As propostas incluídas na “Estratexia de...

As propostas incluídas na “Estratexia de mellora e xestión do espazo público” pasan o filtro da cidadanía

Colectivos e veciños/as a título individual participaron na presentación pública do traballo que servirá de guía para deseñar a cidade que queremos

Mércores 23 de xaneiro do 2019

A participación veciñal está presente ao longo de todo o proceso de elaboración da Estratexia de mellora e xestión do espazo público porque, como recalcou a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, na presentación das propostas de actuación, aínda que non é un documento vinculante, si que vai servir de guía á hora de deseñar a cidade que queremos, e por iso é tan importante contar coa opinión de todas e todos.

Despois dun mes de exposición pública, hoxe chegou o momento de que as propostas pasasen o filtro da cidadanía. Nunha reunión aberta, que tivo como escenario a Biblioteca Rego da Balsa, veciños e veciñas a título individual e tamén en representación de diferentes colectivos, expresaron o seu parecer e presentaron as súas suxestións e achegas, que se terán en conta de cara á elaboración do documento final.

A xuntanza, á que tamén asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o arquitecto municipal, Alfredo Garrote, comezou cunha breve exposición por parte da técnica que está a dirixir o traballo, Mónica Rico, que explicou as distintas fases do proxecto no que se está a traballar dende mediados do 2017 e que entra xa na súa recta final. Pero, sobre todo, centrouse nos nove programas de actuación establecidos, que poden consultarse ao detalle ao final desta nova pero que, en resume, son os seguintes:

  1. Programa de mellora dos modos non motorizados mediante accións coma a homoxeneización da rede de itinerarios ciclistas ou a creación dunha rede de itinerarios peonís.
  2. Accesibilidade e espazo público, a través da  unificación dos pavimentos táctiles nas rúas, por exemplo.
  3. Programa de control e ordenación do tráfico e estrutura da rede viaria, no que figuran aspectos coma a xerarquía das rúas, a ordenanza de circulación (tamén en fase de aprobación), o acougado do tráfico ou a ordenación dos accesos aos centros educativos.
  4. Programa de distribución urbana de mercadorías, que inclúe, xunto a outras actuacións, a prolongación da rúa Vila de Negreira ata Bértoa, que conta cun apartado específico debido á súa importancia para a ordenación futura do tráfico.
  5. Fomento do transporte público, con medidas consensuadas coa Administración competente para poder utilizar no casco urbano as distintas liñas de transporte regular ou escolar, entre outras medidas.
  6. Regulación do estacionamento con mellor sinalización ou a creación de aparcadoiros de proximidade.
  7. Programa de seguridade viaria.
  8. Programa de mellora da calidade ambiental e aforro enerxético.
  9. Programa de promoción de boas prácticas en mobilidade.
As medidas incluídas en cada un destes programas están explicadas e orzamentadas, e ademais establécese un período de 2, 4 ou 8 anos, segundo os casos, para a súa implementación.

O traballo da UTE Iplan Movilidad SL – Tema Ingeniería SL non rematará aí, xa que, tal como establece o cronograma de traballo, despois desa cuarta fase de traballo colaborativo, incorporación das propostas participadas e divulgación, quedará aínda unha quinta centrada no seguimento e o control da estratexia que se defina finalmente.

Descargas

Compartir: