Inicio Carballo ao día Novas Aprobada a primeira licenza do ano para a...

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL AUTORIZOU NO 2017 UN TOTAL DE 16, A CIFRA MÁIS ALTA DESDE O ANO 2006

Aprobada a primeira licenza do ano para a construción dunha nave no polígono industrial

Neste momento están adxudicadas 92 parcelas, 51 máis que fai un ano

Martes 2 de xaneiro do 2018

Na súa reunión de hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a primeira licenza do 2018 no polígono de Bértoa, en concreto para a construción dunha nave destinada a taller de reparación de automóbiles. Pero desde a posta en servizo da segunda fase do polígono, no ano 2011, o Concello de Carballo leva aprobadas no noso parque empresarial licenzas para a construción de 55 naves industriais, 16 delas no ano que vimos de rematar. Desde este punto de vista, o 2017 foi o ano de maior actividade dos últimos dez, o que vén reforzar a necesidade de ampliar a bolsa de solo industrial no noso concello.

Neste momento xa son 92 as parcelas ocupadas ou reservadas, e a porcentaxe de ocupación do parque empresarial sitúase no 69,14%

O polígono industrial de Bértoa rexistrou no 2017 a maior actividade dos últimos dez anos tanto no que se refire a construción de naves como a compra-venda de solo. Fai un ano por estas datas estaban vendidas ou reservadas 41 parcelas, o que supoñía o 45% do total. Neste momento xa son 92 as parcelas que teñen dono, e a porcentaxe de ocupación do parque empresarial sitúase no 69,14%.

De seguir ao mesmo ritmo, o solo industrial en Carballo esgotarase antes de dous anos, e de aí os constantes chamamentos do alcalde, Evencio Ferrero, á Xunta de Galicia para que inicie canto antes a tramitación para desenvolver as dúas seguintes fases do polígono. "O ritmo non ten por que decaer -sinala-, e é evidente que en dous anos non se urbaniza un ámbito industrial. Como mínimo fan falta catro anos. De feito, na primeira fase a dispoñibilidade efectiva das parcelas para as empresas tardou cinco anos a partir da elaboración do proxecto sectorial por parte do IGVS". A reivindicación expresada por Evencio Ferrero conta co apoio de todos os grupos da corporación municipal.



Galería

Compartir: