Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo destina 26.000 euros...

O Concello de Carballo destina 26.000 euros ás axudas de gastos farmacéuticos para familias con menores a cargo

As bases da convocatoria foron aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno Local

Luns 27 de marzo do 2017

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa reunión de hoxe as bases reguladoras da convocatoria de axudas de gastos farmacéuticos 2016/2017, que ten como finalidade apoiar a familias con menores a cargo que atravesan dificultades económicas mediante o cofinanciamento do 40% dos medicamentos prescritos a través de receita médica.

O Concello de Carballo dispón dunha partida máxima de 26.000 euros para as axudas, que son financiadas pola Xunta de Galicia. Os destinatarios finais do programa poderán percibir ata 120 euros ao ano por cada membro da unidade familiar, un tope que só poderá superarse previo informe técnico dos Servizos Sociais.

As axudas van destinadas a familias empadroadas no concello de Carballo, que teñan polo menos un membro menor de 16 anos e que non superen o límite de ingresos mensuais establecido na Lei de inclusión social de Galicia. As solicitudes poderán facer referencia a gastos farmacéuticos realizados dende o 1 de decembro de 2016 ata o 30 de novembro de 2017. O prazo para presentalas abrirá a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e pechará o 15 de novembro. As axudas serán concedidas por orde de presentación no Rexistro Xeral do Concello ata que se esgote o crédito destinado ao programa.

Adxudicación de contratos

Horto infantil ecolóxico do Concello de Carballo

Horto infantil ecolóxico do Concello de Carballo

Na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou hoxe a adxudicación do contrato de xestión do horto infantil ecolóxico á empresa Atlantic Ponte 2000, por un período de tres anos e un prezo anual de 33.396 euros.

Así mesmo, o contrato de dotación técnica do festival internacional de contidos dixitais Carballo Interplay foi adxudicada á UTE formada por Sonia Méndez Alonso e Ana López Cedeira por dous anos e un importe anual de 36.300 euros. En relación co CIP tamén se aprobou o prezo público correspondente á formación para adultos FormaCIP, que quedou fixado en 50 euros para cursos de máis de vinte horas e 30 euros para cursos de oito a vinte horas.

O goberno municipal, a proposta da mesa de contratación, acordou, por outra banda, declarar deserto o contrato de formación en cociña para a Escola de Hostalería, polo que se iniciará en breve un novo procedemento.

Compartir: