Inicio Carballo ao día Avisos “En familia todos contan”, novo obradoiro para...

“En familia todos contan”, novo obradoiro para pais e nais usuarias dos servizos sociais, do 29 de marzo ao 26 de abril no Fórum

Venres 17 de marzo do 2017

A Asociación de Axuda a Familias de Drogodependentes (Adafad), en colaboración co Servizo de Prevención de Condutas Aditivas da Consellería de Sanidade e co Concello de Carballo, pon en marcha o obradoiro “En familia todos contan”, dirixido a nais e pais que afrontan dificultades importantes na educación dos seus fillos. Doce familias usuarias dos servizos sociais municipais participarán nas cinco sesións previstas entre o 29 deste mes e o 26 de abril no Fórum Carballo.

O obxectivo do taller é achegar ás familias os recursos precisos para afrontar a tarefa educativa, incrementando os factores de protección fronte aos problemas en xeral e ao consumo de sustancias en particular. Con esa finalidade desenvolveranse dous módulos nos que se abordarán a toma de decisións, o proceso de crecemento dos fillos e fillas, saber falar e escoitar e como actuar ante situacións concretas.

As 12 familias participantes traballarán en grupo durante cinco sesións de hora e media de duración, nas que contarán co apoio dos equipos técnico e profesional de Adafad, integrados por psicólogos, pedagogos, traballadores e educadores sociais e expertos en programas de prevención. O desenvolvemento do programa terá unha avaliación final para coñecer os resultados.

Ligazóns

Compartir: