Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo...

FORMA PARTE DO CIRCUÍTO DE CARREIRAS POPULARES DA DEPUTACIÓN

A Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo cumpre en 2014 catro anos consolidando a práctica do atletismo no municipio

Venres 2 de maio do 2014

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo expresar o seu agradecemento ás entidades que están colaborando coa proba dende o principio, como son a Asociación Deportiva Media Ducia e o Club Ciclista Carballo, ademais da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Quixo salientar, así mesmo, a incorporación este ano de Senda Nova e dos dous clubs de atletismo recentemente creados na vila, que prestarán tamén a súa axuda. O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, amosou a súa "satisfacción e ledicia por ver medrar unha carreira cun percorrido tan exitoso", unha proba "perfectamente organizada e deseñada". Lembrou que Galicia "ten a oferta pedestre máis importante do territorio estatal" e espera que se sigan celebrando cada ano "carreiras con relevancia e con cada vez máis proxección de futuro". Por último, Evencio Ferrero tamén quixo lembrar que no Circuíto Provincial de Carreiras Populares de 2013 dous cativos carballeses foron gañadores nas súas categorías, alevín e infantil feminino, e desexou novos éxitos para o deporte local no circuíto de 2014, ademais de que "veñan moitos participantes a gozar deste carreira".

Respecto das características da carreira, trátase dunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) cunha distancia homologada de 10.000 metros, e baixo o control técnico do Comité de Xuíces da FGA. Na IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo, pode participar toda persoa nada nas datas correspondentes por categoría, estea ou non federada, ate un máximo de 1000, con excepción das limitacións impostas pola regulamentación propia da Federación Galega de Atletismo para a participación de atletas federados de outras Federacións Autonómicas. Os dorsais e os chips recolleranse na zona habilitada a tal efecto na Praza do Concello o día da carreira entre as 9.30 e as 11.15 horas, ou no seu defecto, 45 minutos antes da saída de cada categoría, coa presentación do DNI ou documento similar acreditativo. Esta actuación enténdese como "Pasar Cámara de Chamadas". Aqueles chips entregados pola organización deberán ser devoltos á mesma á chegada a meta. O incumprimento desta norma supón a descualificación e sanción de 10€. Os interesados e interesadas poden descargar o regulamento ao completo da proba en pdf nesta mesma nova.

Compartir: