Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 400 cativos e cativas...

SÁBADO 17 DE MAIO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Máis de 400 cativos e cativas participarán no II Día do Pequebasket, que contará coa presenza de Fernando Romay

Sábado 26 de abril do 2014

Diego Vázquez, Presidente de Escola Basket Xiria, quixo lembrar durante a presentación da iniciativa que xa hai "cinco anos que se nos dou por organizar unha actividade para os máis pequeniños" como unha forma de conectalos co deporte dun xeito lúdico, afastándose das normativas e dos estritos métodos de adestramento. Para esta segunda edición, xa hai seis meses que a organización comezou a traballar co obxectivo de que a cita siga medrando. O Vicepresidente 2º da Federación Galega de Baloncesto (Fegaba), José Manuel Villamarín, quixo subliñar o éxito da primeira cita e cualificou o proxecto como "moi ilusionante", polo que agradeceu á organización que se decida a crear este tipo de actividades. Dende o Concello de Carballo, o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o de Deporte, Marcos Trigo, quixeron resaltar a importancia desta xornada. Segundo Regueira "para Carballo como marca turística este é xusto un dos eventos que buscamos, cun turismo san e familiar" e que contribúe a que o municipio sexa "unha referencia". Trigo quixo transmitir os seus parabéns á Escola Basket Xiria por crear unha cita tan singular "que incluso transcende o deportivo".

Pecharon o acto a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. A primeira salientou que a cita se ten convertido "nunha referencia para outros puntos de fóra da provincia" que "implica ás familias e as fai partícipes do deporte" con clubs chegados de toda Galicia. Para Ferrero, Escola Basket Xiria "ten unha capacidade organizativa máis que demostrada para que a cita sexa un novo éxito" e tivo unha mención especial para Fernando Romay, que de seguro contribuirá ao bo desenvolvemento da xornada. Os interesados e interesadas poden ver nesta mesma nova a través de Youtube un vídeo realizado por VisualK Vídeo no que se resume o acontecido na edición de 2013. Tamén é posible descargar nesta nova un folleto informativo da cita nun documento en pdf, o díptico da cita, o cartaz da actividade e consultar o web do II Día do Pequebasket.

Compartir: