Inicio Carballo ao día Hemeroteca A mostra do XVI Certame Xosé Manuel...

NA SALA DE EXPOSICIÓNS ALBERTO GENDE ATÉ O 4 DE MAIO

A mostra do XVI Certame Xosé Manuel Eirís reúne 86 imaxes cunha obra gañadora que aspira a ser "unha metáfora da vida"

Venres 4 de abril do 2014

Debido ás distantes cidades de residencia ou aos compromisos profesionais dos galardoados, tan só puido estar na entrega de premios, ademais do gañador do 1º Premio, o agraciado co Premio Especial Carballo. Dotado con 450 € e diploma, foi para a fotografía que leva por título "Cocadas" presentada por Alberte Sánchez Regueiro de Culleredo, unha das máis gabadas durante a inauguración da exposición e á que Xulio García, en nome do xurado, atribuíu "tonos suxerentes" e unha "mirada dóce". Sánchez Regueiro confesou que tiña pensado presentar outra imaxe ao certame, pero que a súa parella e amizades o animaron a presentar a premiada porque, dicían, "iso é Carballo". De feito, o Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou durante a súa intervención que "calquera carballés se sinte identificado con esta fotografía" (na que aparece o escaparate da "Dulcería Vella"). O resto das imaxes premiadas foron, como Segundo Premio, dotado con 450 € e diploma, "Nadador" presentada por Jordi Cohen Colldeforns, de Barcelona, e na que o xurado detecta un "primeiro plano contundente" e "moita forza". Concedéronse dous accésits, dotados con 125 € e diploma ás seguintes obras: "Blue nets" presentada por José Beut Duato, de Valencia, que suxire, segundo o xurado "calma, silencio e tenrura"; e "San Martín e o Mendigo" presentada por Ignacio Mascuñán Freijanes, de Vilanova de Arousa, que reflicte "unha fantástica luz" entroncando "coa obra pictórica de Rembrandt".

Durante a inauguración da mostra estiveron presentes os membros do xurado, que estivo formado, ademais de por Xulio García, por Mar Eirís Villar (Concelleira de Cultura e Educación do Concello de Carballo), Beatriz Fernández Baldomir (en representación da AC Rebeldía, xa que cada ano participa no xurado unha representación do tecido asociativo do municipio), Ángel Cordero Gómez (profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña), Luis Carré Menéndez (fotógrafo publicitario industrial e profesor da ETSAC-Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña), Ana Mª García Suárez (fotógrafa profesional), e Mª del Carmen Castro Pombo (animadora cultural do Concello de Carballo). Tamén asistiron Pilar, Feliciano e Jesús Eirís, ademais de Luciano Calvo, como representantes da familia de Xosé Manuel Eirís. O Alcalde, Evencio Ferrero, ademais de gabar o Premio Especial Carballo, quixo transmitir os seus parabéns a todos os premiados, agradecendo especialmente o esforzo do gañador por percorrer tantos quilómetros para estar na inauguración da mostra. Tamén agradeceu ao xurado o seu "dificilísimo labor" de escoller tan só unha imaxe de entre todas as presentadas e, por último, desexou "que nos sigamos lembrando de Xosé Manuel Eirís", que "seguro que estará moi contento de ver estas fotografías".

Os interesados e interesadas poden consultar as imaxes gañadoras en pdf nesta mesma nova.

Compartir: