Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primavera enDanza arrinca coa emoción de...

VENRES 4 E SÁBADO 5 DE ABRIL ÁS 21.00 E 20.30 HORAS

Primavera enDanza arrinca coa emoción de "Momento Blooming" e a presenza de Marta Etura con "Return"

Xoves 3 de abril do 2014

Xa o sábado 5 chega dende Madrid a proposta de Pentación SL, "Return", que conta co especial atractivo de contar con Chevi Muraday, Premio Nacional de Danza 2006, e coa coñecida actriz gañadora dun Goya e tamén bailarina Marta Etura. "Return" reflexiona sobre o verdadeiro amor, trátase dunha substancia baseada na realidade ou é algo imaxinario e irreal? Dúas persoas crean un universo íntimo e complexo e as frustracións que se orixinan ante as expectativas propias e xenéricas pola soidade son o fío condutor desta peza, que pasa da ledicia á angustia, do desprezó á esperanza, nunha coreografía chea de cores, de beleza, de sentimentos e expresións. Un traballo híbrido entre danza e teatro apoiado por uns magníficos textos do director Pablo Messiez, no que a danza e a palabra dialogan nun mesmo plano. A cita é a partir das 20.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A entrada custa 5 €, 3,5 € co prezo reducido e a duración prevista do espectáculo é de 50 minutos.

Tamén hai que lembrar outras actividades paralelas de achegamento á danza contemporánea que terán lugar durante a fin de semana. Así, os espectadores contarán cos encontros "Como se crea un espectáculo de danza?" ao remate de cada espectáculo no propio auditorio do Pazo da Cultura. Nestas citas o público ten a oportunidade de falar cos bailaríns, coreógrafos ou directores dos espectáculos co obxectivo de achegar a linguaxe da danza ao público. Neste caso o encontro será con Rut Balbís e Cristina Montero ao remate de "Momento Blooming". Os interesados e interesadas tamén poden ver nesta mesma nova un vídeo en Youtube no que se reproduce a peza que a bailarina Rut Balbís, presente en dúas das propostas de Primavera enDanza -"Momento Blooming" e "Silencio, por favor"- ofreceu con motivo da presentación do programa Primavera enDanza no Pazo da Cultura.

Compartir: