Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os arquivos de Carballo contan dende hoxe con...

DOAZÓN DO PADROADO DA CULTURA GALEGA DE MONTEVIDEO

Os arquivos de Carballo contan dende hoxe con tres tomos da primeira edición da "Historia de Galiza" dirixida por Otero Pedrayo

Martes 26 de xuño do 2012

Durante a recepción na Alcaldía da Casa do Concello, Antonio García de Seárez, máis coñecido como Toni de Seárez, afirmou que esta obra "vai caer en boas mans no Concello de Carballo". Explica que esta "Historia de Galiza" non se pode comparar coas obras actuais, pero recolle o saber dunha época moi importante, xa que "o mellorciño da Galiza de hoxe empezou na emigración e ten moito que ver co mundo americano". Ana Lorenzo, que conta con familia carballesa a tan só uns metros da Praza do Concello, subliñou esta idea ao sinalar que "a emigración durante anos gardou o acervo cultural galego", e resalta que "non rematou naqueles anos, porque aquel legado segue vivo", xa que, "aínda que os tempos mudaron, o traballo a prol da difusión da cultura galega continúa" ao outro lado do océano. Así mesmo, Toni de Seárez manifestou a vontade do Padroado da Cultura Galega de Montevideo de loitar por que a capital uruguaia conte cunha rúa dedicada a Bergantiños. "Se hai que esperar horas detrás dun despacho, esperaremos, pero vaise conseguir", explica.

Por último, o Alcalde carballés quixo subliñar o labor que os bergantiñáns e carballeses realizan na emigración porque "son as xeracións de fillos de galegos e galegas os que divulgan e defenden a cultura do país", algo que puido comprobar de primeira man durante as súas viaxes a Montevideo "cando quedei sorprendido do compromiso que hai coa terra". Agora ese compromiso vese referendado coa doazón destes importantes libros que xa pasan a formar parte da riqueza bibliográfica municipal.

Compartir: