Inicio Carballo ao día Hemeroteca O regreso do Festival Rockin e o Concurso de...

VENRES 22 E SÁBADO 23 DE XUÑO

O regreso do Festival Rockin e o Concurso de Cachelas marcan os primeiros compases das Festas de San Xoán

Xoves 21 de xuño do 2012

Burgas Beat son un grupo que xa ten actuado en Carballo no marco do Xiria Pop e que agora volven para presentar o seu disco "Todo lo que vamos dejando atrás" (Peggy Records/Que queres edicións/Rock Indiana). Trátase dun traballo no que hai unha clara evolución cara á electricidade, despois de transitar por un son máis acústico. Burgas Beat son Antonio Rogríguez (baixo), Javier Doforno (guitarra), Aser Álvarez (batería), Francisco Vázquez (teclados) e Carlos Rego (compositor e guitarrista). Son músicos cunha longa traxectoria musical, dende os míticos Cosecha Roja ata o suave repertorio con Magín Blanco. Franc3s son Alberto (guitarra e voz), María (batería e voz) e Patuki (teclados e sintetizadores). Un grupo difícil de clasificar musicalmente que non deixan indiferente a ninguén, o que lles fixo atopar un oco dentro da vangarda musical. Por último, Lowcos está formado por Suso Serrano (guitarra e voz), Chape (guitarra), Pedro (baixo), Adrián (batería) e Conrad (teclados e sintetizadores). Todos os seus compoñentes achegan elementos moi diferenciados que fan vibrar á súa música.

Cachelas e sardiñadas

O sábado 23 é a tradicional noite das cachelas na que, como cada ano, se celebra un concurso no que se reparten 1.650 euros, entre premios e subvencións. O fume e o olor a sardiñas e churrasco enche toda a capital carballesa mentres o xurado percorre os principais barrios da vila ata as 23.00 horas para escoller aos gañadores. O obxecto desta cita é o de promocionar unha das manifestacións culturais máis importantes da celebración do San Xoán e recuperar unha tradición popular. Respecto dos premios e subvencións, ás 20 primeiras cachelas inscritas que participen no Concurso e non resulten premiadas correspóndelle unha axuda de entre 20 e 50 euros. Os premios son: 1º Premio: 500 euros; 2º Premio: 200 euros; 3º Premio: 150 euros; 4º Premio: 100 euros. Así mesmo o xurado poderá outorgar accésits por un valor de 90 euros se o considerase pertinente. Para animar a noite, a Praza do Concello acolle a partires das 23.00 horas unha verbena coas orquestras Principal e Israel.

Compartir: