Inicio Carballo ao día Hemeroteca Francesc Aloy reflicte as paisaxes máis...

NO ANDAR -1 ATÉ O 30 DE XUÑO

Francesc Aloy reflicte as paisaxes máis espectaculares de Carballo e da comarca nunha serie pictórica no Pazo da Cultura

Mércores 20 de xuño do 2012

Francesc Aloy xa expuxera en Carballo no ano 2006 e quixo agradecer ao Concello a oportunidade de facelo "unha vez máis". Tamén expresou a súa gratitude cara á Coral Polifónica de Bergantiños por "axudarme moito a percorrer a comarca", ademais de por acollelo cada vez que vén "porque me tratan moi ben". Por último, gabou as paisaxes da zona, unha contorna perfecta para inspirar "a un pintor semi profesional coma min", que amosa o traballo realizado ao longo de todo un ano. Nos lenzos están recollidas zonas como a Ponte Lubiáns, o areal de Razo ou o río Anllóns, xa que Aloy afirma ser amante das praias, dos peiraos ou da auga. A inauguración da mostra tamén contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, ademais de numerosos veciños e membros da corporación. Ferrero quixo desexarlle sorte ao artista na súa nova andaina expoñendo en Carballo e amosou a súa satisfacción de que paisaxes como as do municipio poidan ser plasmadas nas obras de Aloy. Por último, tanto o artista como alcalde quixeron desexarlles aos veciños e veciñas unhas boas festas de San Xoán, xa que esta actividade está incluída no programa.

Compartir: