Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello denuncia un delicto ecolóxico...

OS FEITOS FORON POSTOS EN COÑECEMENTO DO SEPRONA

O Concello denuncia un delicto ecolóxico na marxe do Anllóns coa rotura de arredor de 20 árbores de ribeira

Martes 19 de xuño do 2012

Así mesmo, o Concello pide a axuda da veciñanza por se alguén puidera ofrecer información sobre o sucedido e axudar a loitar porque estes feitos reprobables non se volvan a producir. Convén recordar que as sancións por delicto ecolóxico poden chegar, nos casos máis graves, a penas de cárcere. Noutra orde de cousas, a administración local quere informar de que xa están rematados os traballos de limpeza das marxes do río Anllóns nos máis de sete quilómetros que suman as dúas beiras do Paseo que transcorre entre o Muíño do Quinto e o cemiterio de Bértoa. Os traballos, realizados pola Brigada de Obras e Medio Ambiente, consistiron en despexar a canle e en retirar a maleza na zona exterior en tres metros a cada marxe da corrente. Así mesmo, e de cara ás festas de San Xoán, acondicionouse o Bosque do Añón, que xa está listo tanto para a celebración do XV Descenso como da Festa do Bosque. No que se refire á conservación da natureza, tamén hai que lembrar unha das máis recentes actuacións de repoboamento de árbores do Concello, realizada o pasado mes de marzo con motivo do Día Forestal Mundial. Así, arredor de 200 veciños e veciñas, a iniciativa da asociación Senda Nova e coa colaboración da administración local, apadriñaron máis de 120 árbores, fundamentalmente carballos, pero tamén acivros e salgueiros, plantados na zona verde da ampliación do Parque Empresarial de Bértoa.

Compartir: