Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Barcelona: por terceiro ano consecutivo no...

PRESENZA DE EQUIPOS COMA O RAYO VALLECANO OU A REAL SOCIEDAD

O Barcelona: por terceiro ano consecutivo no Torneo Fútbol 7 Concello de Carballo, no que tamén estará o Gomes da Costa

Sábado 16 de xuño do 2012

José Ramón Torres Pichel, director das Escolas Luís Calvo, quixo agradecer a colaboración do Concello e subliñou que, a pesares das circunstancias, "seguimos empeñados en facer este torneo". Torres Pichel tamén anunciou que nesta edición unha importante cadea de televisión brasileira acompañará ao Gomes da Costa dende Brasil para facer un seguimento da súa estadía na comarca e da súa participación do torneo. Así mesmo, explicou que a Cerámica de Buño contará cun punto permanente de exposición e venda no campo de As Eiroas para "que teñan un escaparate", xa que son os encargados de elaborar todos os trofeos que se entregan. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo destacar que o torneo "un ano máis se segue a ser ambicioso apostando polo deporte de base" e que segue a "ter a forza para seguir medrando". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que as Escolas Luís Calvo son "un modelo de compromiso" e resaltou que "o feito de que clubs como o Barcelona repitan significa que o nivel do torneo, a organización e as instalacións o merecen". O presidente das Escolas, Luciano Calvo Pumpido, espera que esta cita sexa "un acicate para os nenos e nenas e para as nais e pais, para que teñan o deporte como obxectivo". Así mesmo, agradeceu "todas as facilidades que nos ofrece o Concello" e subliñou que o torneo está "entre os mellores de España", alomenos en "organización".

Terceira edición do Campus de Fútbol Base

A presentación do VIII Torneo Fútbol 7 Alevín tamén serviu para falar da terceira edición do Campus de Fútbol Base Concello de Carballo, que se celebra en dúas quendas do 2 ao 7 de xullo e do 9 ao 13 de xullo. Esta cita, "moi ambiciosa", segundo Torres Pichel, conta coa novidade este ano de ofrecer réxime interno, o que permite a presenza de rapaces de entre 5 e 16 anos chegados dende Israel, Bulgaria, Honduras, Puerto Rico, Murcia ou Madrid. Tamén hai que subliñar a presenza un ano máis de entrenadores das mellores canteiras do fútbol español: Atlético de Madrid, Real Madrid, Español, Deportivo e Villareal. Así, Armando de la Morena, director do Campus, vén de proclamarse campión mundial de clubs sub-17 co Atlético de Madrid. Ademais, para o ano que vén incorpórase unha novidade maior, coa creación do primeiro Campus Mixto que hai en España, unha iniciativa "pioneira", segundo Torres Pichel, que consiste en incorporar o surf ás actividades deportivas. Así, pola mañá desenvolveranse adestramentos de fútbol, e polas tardes clases de surf coa colaboración de Art Surf Camp.

Compartir: