Inicio Carballo ao día Hemeroteca A II Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo...

DOMINGO 17 DE XUÑO A PARTIRES DAS 10.00 HORAS

A II Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo ten preto de 1.200 inscritos, dos que 970 pertencen á categoría absoluta

Xoves 14 de xuño do 2012

A organización quere subliñar, ademais do incremento no número de participantes este ano, o feito de que a proba siga a ser gratuíta, e agradecen a colaboración dos patrocinadores, así como de todas as entidades que voluntariamente contribúen á celebración da cita: Asociación Deportiva Media Ducia, Clube Ciclista Carballo-Placasa, Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Carballo, Brigada de Obras e Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia. Respecto das características técnicas da carreira, hai que mencionar que ten unha distancia máxima de 10.000 metros divididos en dúas voltas de 5.000 metros, estando previstas as saídas para as categorías absolutas para as 12.00 horas; para a categoría Xuvenil (con 5.000 metros de percorrido) ás 11.30 horas; e para alevín e infantil ás 10.00 e 10.30 horas, con 1.600 e 2.000 metros de percorrido, respectivamente. A carreira ten unha pendente media dun 2,3 por cento e máxima dun 8 por cento. Hai que lembrar, así mesmo, que a cita está avalada pola Federación Galega de Atletismo e que o circuíto está homologado pola Federación Española de Atletismo.

Respecto do percorrido concreto, para o público que desexe ver a proba, transcorre polas seguintes rúas: saída da rúa Colón pasando por Desiderio Varela e meta na Praza do Concello, pasando por Gran Vía, Doutor Fleming, Avda. Bergantiños, Vila de Corcubión, Vila de Noia, Vila de Ordes, Avda. Bergantiños, Alfredo Brañas, Vázquez de Parga, Camiño Novo, Fomento, Avda. Fisterra, Río Sar, Avda. Milagrosa, Río Anllóns, Río Sil, Río Lérez, Río Miño, San Martiño, San Ramón, Santa Ana e Sol con Gran Vía, con inclusión de punto de avituallamento a altura aproximada do quilómetro 5. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova o regulamento da proba, no que aparece detallada toda a información, así como o cartel anunciador en pdf.

Compartir: