Inicio Carballo ao día Hemeroteca Pastora Soler protagoniza o San Xoán 2012...

ACTIVIDADES ENTRE O VENRES 15 DE XUÑO E O DOMINGO 1 DE XULLO

Pastora Soler protagoniza o San Xoán 2012 xunto coas cachelas, o Rockin, o Descenso do Anllóns e a Festa do Bosque

Venres 8 de xuño do 2012

Examinando o programa máis polo miúdo, o pregón é o xoves 21 de xuño ás 21.00 horas e corre a cargo do autor, director de escena, narrador oral, e actor galego Cándido Pazó. Recoñecido polo FIOT como Xograr de Outono, ten unha estreita relación con Carballo, xa que ten actuado na vila en numerosas ocasións, tanto na Rúa dos Contos como no auditorio do Pazo da Cultura. A última vez este mesmo ano coa excelente peza "Memorias das memorias dun neno labrego", moi aplaudida polo público. Despois do pregón, comeza a primeira verbena coa Orquestra D'Tacón, cita patrocinada polas atraccións das festas. Dende o xoves 21 e até o luns 25 haberá verbena cada noite na Praza do Concello, con orquestras tan coñecidas como Trébol -cunha cantante de Sofán-, Principal, Los Trovadores, Israel, Grupo América ou Los Satélites. O venres 22 recupérase un dos festivais que máis público xuvenil ten congregado en anteriores edicións do San Xoán, o Rockin. Están convidados grupos carballeses e galegos como Lowcos, Franc3s e Burgas Beat, sendo os estadounidenses The Blasters os cabeza de cartel. Contar con eles é "un auténtico luxo" en verbas do Concelleiro de Xuventude, Daniel Pérez, xa que é a súa única actuación en Galicia. Ademais, este ano o Rockin cambia de ubicación, xa que a cita é no parque de Rego da Balsa ás 22.00 horas. Ao mesmo tempo e para os menos rockeiros, ás 22.30 horas hai verbena na Praza do Concello.

O día 23 é o tradicional Concurso de Cachelas que cumpre 25 anos e reparte 1.650 euros en premios e subvencións. A festa comeza con pasarúas de Falsa Escuadra pola mañá, mentres que pola noite, é o momento do concurso. Até as 23.00 horas o xurado percorrerá as cachelas inscritas para decidir a gañadora antes de que desaparezan baixo o lume. O domingo 24 é o día grande, coa misa solemne e o concerto da eurovisiva Pastora Soler pola noite, que será complementado cunha verbena. Pastora Soler é unha artista sevillana que comezou a súa carreira en 1994 coa copla, un xénero que aínda lle segue influíndo nas súas cancións e interpretacións. Porén, hoxe en día céntrase máis no pop e nas baladas, pero sen esquecer as súas orixes flamencas. En 2010 celebrou os seus 15 anos no mundo da música cun álbum recopilatorio e obtivo varias nominacións aos Grammy Latinos. En 2011 saca o seu undécimo disco, "Una mujer como yo", co que todavía está de xira e xa en 2012 acadou grandes cotas de popularidade ao participar no festival de Eurovisión e conseguir unha meritoria décima posición. Ademais dos seus grandes éxitos, de seguro que durante a súa actuación volverá a cantar a canción que tan ben interpretou en Baku (Azerbaián) e que foi moi aplaudida polo público do festival e escoitada por 9 millóns de españoles na televisión pública: "Quédate conmigo".

O luns 25 chega outra das citas máis esperadas do San Xoán, o XV Descenso do Anllóns, que reparte 1.460 euros entre premios e subvencións, con saída no Bosque do Añón e chegada no Parque do Anllóns. O 1º premio está patrocinado por Cervexaría La Bombonera e distingue a orixinalidade, pero tamén hai galardóns que premian a simpatía e a velocidade no descenso. Por último, e debido ás datas, a Festa do Bosque pecha o San Xoán o domingo 1 de xullo. Este ano o programa conta coa colaboración da Asociación Proxectando. Inclúe actividades para todas as idades, con citas xa tradicionais como o Concurso de Sobremesas (patrocinado por Pastelaría San Luís), a 116 edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel, a sesión vermú e o concerto nocturno cos grupos Versión Imposible, Lobishome e Metralletas Lecheras. Segundo explica José Antonio Deus, membro da Comisión, os dous últimos enmarcanse dentro do movemento coñecido como "Galiza bizarra" e indie. Se España chega á final da Eurocopa, instalarase unha pantalla xigante no Bosque para poder seguir o partido.

Citas culturais e deportivas completan o programa

O San Xoán tamén conta cunha importante parte dedicada exclusivamente á cultura, este ano con protagonismo das exposicións, o teatro e música. No apartado artístico, a exposición colectiva de creadores de Carballo e comarca sube este ano a súa participación, con 20 autores que renden a partir do 15 de xuño unha merecida homenaxe ao artista carballés recentemente desaparecido Alberto Gende baixo o título "Obras por descubrir". De feito, a presentación do programa estivo tinxida pola lembranza do artista, que ten colaborado en varias citas dos festexos. Así mesmo, o martes 19 de xuño inaugúrase outra mostra pictórica, neste caso de Francisco Aloy e dedicada aos "Rincóns de Carballo e Costa da Morte". O teatro tamén ten unha especial presenza no San Xoán, neste caso cos dous grupos da Aula Municipal de Teatro. Os de segundo ano representan "A herdanza" e os máis veteranos, de terceiro ano, levan á escena no marco do teatro clásico "Pequeno retablo da verdade e a mentira".

A música, con outros formatos distintos ao da verbena e os concertos, tamén ten cabida no San Xoán. As bandas municipais colaboran co programa de festas como cada ano, coa presenza tamén do Grupo de Gaiteiros de Cances, o Grupo de Gaitas Falso Escuadro, a Banda Santiago de Arteixo ou a Banda de Música de Cee. Hai que mencionar o domingo 17 a celebración do Festival musical de fin de curso de Escola da Rúa e pecha a programación musical a XVI Mostra de Habaneras o sábado 30 de xuño. Por último, no apartado deportivo hai que mencionar moitas citas, como o Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo, a tradicional exhibición de taekwondo, o Autocross Bergantiños, o Día da Bicicleta, unha exhibición de capoeira, o Torneo Escola Lubiáns Concello de Carballo, a II Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo ou a final do XX Torneo de Peñas.

Outra das tradicións que se cumpren cada ano por estas datas é a publicación da Revista de San Xoán, coordinada por Xan Fernández. Ponse á venda a partires do martes 12 de xuño no Museo de Bergantiños, na Ludoteca Municipal e no Pazo da Cultura ao prezo simbólico de 2 euros. Os interesados e interesadas poden consultar o programa de festexos ao completo ou o cartel gañador, en formato pdf nesta mesma nova, así como descargar as bases do XXV Concurso de Cachelas e do XV Descenso do Anllóns.

Compartir: