Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e o CCA Carballo asinan un convenio de...

SUBSCRIBIRON O ACORDO O PRESIDENTE DO CCA E O ALCALDE

O Concello e o CCA Carballo asinan un convenio de colaboración para dinamizar a actividade comercial da vila

Mércores 6 de xuño do 2012

O CCA comprométese a colaborar co Concello de Carballo mantendo informada á administración local das actividades programadas, achegando os datos dos establecementos asociados ao CCA para incluílos nos motores de promoción de empresas nas súas páxinas web e en calquera publicación promocional que se edite e participando na promoción das actividades formativas ou de calquera tipo que o Concello de Carballo programe para o comercio local. O acordo implica, así mesmo, a creación dunha Comisión de seguimento que estará formada polo Presidente do CCA, o xerente do CCA, o Concelleiro delegado de Promoción Económica e o Alcalde de Carballo. Tamén recolle que no caso de realización de obras nas zonas comerciais, realizaranse procurando interromper o máis estrictamente inevitable o desenvolvemento da actividade comercial. Por último, o acordo inclúe a execución das actuacións que sexan necesarias para conseguir ampliar ou reconverter a oferta comercial coa realización dunha planificación para atraer a instalación de importantes franquicias que posúan unha oferta comercial atractiva e dinamizadora, ademais de favorecer as accións de divulgación e promoción pertinentes para contribuír á creación dun movemento comercial que implique a todos os empresarios afectados.

Compartir: