Inicio Carballo ao día Hemeroteca A xustiza social que supón a...

NO FÓRUM CARBALLO OS DÍAS 18, 19 E 20 DE XULLO

A xustiza social que supón a normalización linguística analízase no marco do curso de verán da Universidade da Coruña

Luns 4 de xuño do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecer a presenza no Concello do Reitor da UDC para a sinatura do convenio. Despois de cinco anos visitando a vila, a principal novidade do Curso de Verán é o seu traslado ás dependencias do Fórum, un espazo, en verbas de Ferrero, que pretende converterse "nunha referencia dende o punto de vista da formación", polo que non hai "mellor exemplo que a formación universitaria" para acadar este obxectivo. Por último, desexou que continúe colaboración coa UDC que este verán tamén supón a celebración dun curso da Escola Técnica Superior de Arquitectura sobre "Estratexias urbanas para tempos de crise" e outro sobre a promoción turística, todos eles no Fórum Carballo. Xosé Luís Armesto quixo, así mesmo, manifestar a "obriga" que supón en tempos de crise a colaboración con outras institucións e empresas da contorna da Universidade e espcialmente "imprescincible" con outros concellos para contribuír á "igualdade de oportunidades" e "permitir o acceso aos estudos a moitísimas persoas que antes non o tiñan".

Programa de actividades do curso

Respecto do programa de actividades polo miúdo, o curso comeza o mércores 18 de xullo cunha análise sobre sustentabilidade lingüística desde a perspectiva da xustiza social, que fará o profesor da Universidade de Barcelona Père Comellas. A continuación, o maxistrado da Audiencia Provincial de Lugo e voceiro do colectivo Xuíces para a Democracia, Luís Villares, falará sobre legalidade e lexitimidade e sobre a xustiza social e a xustiza xurídica. Haberá unha mesa redonda co título "Pódese ser feminista e non defender o galego? Pódese defender o galego e non ser ecoloxista? Sobre coherencia e ligazón de causas". E o día finalizará co desenvolvemento de diversos grupos de traballo. O xoves 19 de xullo a activista Lucía Vázquez falará sobre liberdades sexuais, xustiza e defensa da diversidade lingüística, e a continuación, o profesor e activista Séchu Sende falará sobre a súa experiencia nos movementos sociais en relación coa lingua, o activismo e a intervención. Xa pola tarde, haberá unha mesa redonda sobre lingua e conexión de causas xustas no asociacionismo local, na que participarán representantes de diversos colectivos de Carballo, como son Senda Nova (ecoloxista), Adiante (cooperación), Proxectando (xuvenil) e Ceibo (asociación de uruguaios/as). Despois dunha nova sesión de grupos de traballo, o día rematará cun concerto do cantor Xoán Curiel.

O programa remata o venres 20 de xullo, cando haberá unha nova mesa redonda, neste caso sobre asociacionismo e reivindicación da lingua como causa xusta, na que participarán a presidenta da Nova Escola Galega, Mariló Candedo, o presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Xoán Costa, e a directiva da CIG-Ensino e mais da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, Marta Dacosta. Despois dunha sesión de conclusións e ideas finais, o curso rematará cunha conferencia de clausura por parte de Astrid Agenjo, economista e investigadora da Universidade de Sevilla, experta en economía, desenvolvemento, cidadanía e intervención social, que falará sobre a marea multicolor e a ligazón das loitas antisistema para transformar o mundo. Os interesados e interesadas en consultar o programa cos horarios máis polo miúdo, pode facelo nun documento en pdf nesta mesma nova. Tamén se inclúe unha ligazón ao espazo web para matricularse no curso.

Compartir: