Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno aproba dous convenios de...

LUZ VERDE PARA O PROGRAMA DAS FESTAS DE SAN XOÁN 2012

A Xunta de Goberno aproba dous convenios de colaboración co CCA e Axober para potenciar a actividade económica

Luns 4 de xuño do 2012

Outro dos principais puntos da orde do día é a aprobación do programa de San Xoán 2012 e dos membros da Comisión de Festas, que son, en representación da Asociación Cultural San Xoán: María José Souto Cristóbal, Gustavo Lorenzo Pena, José Antonio Deus Antelo, Xan Fernández Carrera, Sergio Varela Fuentes, Tania Cotelo Vila e Marcos Fernández Gallego. En representación do Concello de Carballo están a Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, o Concelleiro de Xuventude, Daniel Pérez, e a animadora cultural Carmen Castro. Respecto do programa, inclúe actividades para todas as franxas de idades, así como actividades complementarias non organizadas directamente pola Comisión de Festas, senón polas concellarías de Cultura ou Deporte, ademais de por asociacións do municipio. No programa de festas de 2012 xa ten transcendido a identidade da protagonista do día grande das festas, a cantante Pastora Soler que ofrece o concerto do domingo 24 de xuño na Praza do Concello.

No apartado de subvencións, a Xunta de Goberno supuxo a solicitude á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) dunha axuda de 109.000 euros para poñer en marcha proxectos dinamizadores das áreas rurais e fomento das actividades turísticas, incluíndo a posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial, natural e paisaxística. En concreto, a cantidade, de ser concedida, empregaríase no fomento das TICs, na sinalización turística, na creación de puntos de información, no deseño dun punto turístico móbil ou en stands para un recinto feiral destinado a diversos eventos. Tamén se solicita unha subvención de 40.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2012 co obxecto de realizar actuacións destinadas á conservación da biodiversidade e á recuperación do medio natural a través dos proxectos: Recuperación e rexeneración dos accesos ás praias e Aula da natureza.

Por último, no que se refire a expedientes de contratación, a sesión supuxo a adxudicación do contrato administrativo do "Servizo de ensino para a especialidade de percusión que se está a prestar por parte do Concello de Carballo no Conservatorio Profesional de Música, así como o de asistencia técnica á Banda de Música de Carballo"por un prezo de 21.000 euros por un prazo de dous anos. Tamén se realizou unha modificación no contrato administrativo do servizo de "Mantemento e conservación dos ascensores do Concello de Carballo". Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou unha licenza de apertura por actividade molesta; catro licenzas de obra; unha licenza de obra e apertura; unha de utilización; e unha licenza de primeira ocupación.

Compartir: