Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT 2012 aposta de novo pola...

ESTREA NO FESTIVAL O XOVES 11 E VENRES 12 DE OUTUBRO

O FIOT 2012 aposta de novo pola coprodución con Talía Teatro, o director Xulio Lago e a obra "O método Grönholm"

Venres 1 de xuño do 2012

Xulio Lago agradeceu a confianza e a "responsabilidade" que supón estrear no FIOT, "un festival onde todos queremos estar e poucos o conseguen". Cualifica o texto de Jordi Galcerán como "extraordinario, tanto polo mundo temático como pola estrutura dramática". Describe a obra como unha proposta "dunha crueldade excepcional" que reflexiona sobre "que estamos dispostos a soportar para conseguir un posto de traballo", xa que o argumento xira arredor dunha selección de persoal para un posto de alto executivo nunha empresa. Lago tamén explica que un dos atractivos da peza é a súa proximidade coa sociedade que habitamos, abordando temas como a pederastia, a homofobia ou os malos tratos, así como o feito de que "o espectador transita constantemente na dúbida do que é verdade e o que é mentira". Por último, resume a obra entresacando unha liña do texto de Galcerán referida ás intencións da empresa, que procura "un fillo de puta que pareza unha boa persoa e non unha boa persoa que pareza un fillo de puta".

O director de Talía Teatro e un dos actores protagonistas de "O método Grönholm", Artur Trillo, aclara que a escolla desta obra "levaba moito tempo na cabeza", sendo Galcerán un dos autores preferidos pola compañía, xa que teñen adaptado tres dos seus textos dende o ano 2001 ("Dakota" e "Palabras encadeadas") e afirma estar "convencidísimo de que non vai ser o último". Explica que a elección deste texto tamén veu dada porque a idade e as características do elenco encaixan perfectamente coa obra, así como polo feito de que o tema está de plena actualidade, "cunha situación laboral que vemos hoxe en día de areas movedizas" e cun texto "que é unha ilustración desta situación". Coma Xulio Lago, subliña que un dos aspectos máis interesantes de "O método Grönholm" é o de explorar os límites de "ata que punto estamos dispostos a chegar". Admite, así mesmo, que o texto encaixa nunha liña de teatro comercial ben entendido, "co que o público se sente moi identificado" e intentado "que a xente marche para a casa con algo na maleta". Por último falou da escenografía, que queren coidar "para que o público non bote nada de menos" e da presenza de Xulio Lago, un director de fóra da compañía para evitar a "esquizofrenia" que lle supón dirixir e actuar a un tempo.

Para rematar a presentación de "O método Grönholm", Alberto Sueiro quixo avanzar unha pequena pincelada do FIOT 2012, no que a elección desta proposta de Jordi Galcerán non é froito da casualidade. Así, o Outono de Teatro contará este ano cun fío conductor centrado "no que está pasando", na crise e na situación económica actual, unha temática coa que a coprodución encaixa á perfección.

Compartir: