Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alumnado da Escola de Arquitectura da...

ÁMBITOS: RÍO ANLLÓNS, A MILAGROSA, LUDOTECA E RAZO-BALDAIO

O alumnado da Escola de Arquitectura da Coruña propón solucións urbanísticas para catro espazos do municipio

Martes 29 de maio do 2012

O Alcalde, Evencio Ferrero, agradeceu a colaboración da ETSA e asegurou que a Oficina Técnica Municipal recibirá as ideas presentadas e as estudará para ver se algunha se pode materializar. Por último, subliñou que "o alumnado da Escola de Arquitectura estivo alomenos durante todo un curso falando e enfadándose con Carballo, e iso é bo". Ademais, crearon unha grande e detallada maqueta da vila na que plasmaron as súas ideas. No que respecta ás propostas concretas, o profesor da ETSA Xoán Creus concluíu sobre as iniciativas presentadas para o aproveitamento do Anllóns, que "o río é un espazo capital na cidade e un punto central que podería dinamizala e convertela nun espazo máis ordenado". Un dos proxectos suxire a creación dun paseo arborado entre o San Martiño e a Praza do Concello, para ligar o río co centro da cidade. En relación ao proxecto para crear unha vivenda na contorna de Razo-Baldaio, segundo o profesor Juan Prieto o principal desafío foi o de incluír o edificio na paisaxe, nunha parcela a carón da estrada pero ao mesmo tempo cunhas fermosas vistas sobre o mar. As solucións dos alumnos suxeriron dende o soterramento da vivenda até a súa fragmentación para adaptala á contorna. Para o proxecto do espazo da Capela da Milagrosa, a proposta centrouse na creación dun edificio ecuménico para favorecer a xuntanza de distintas confesións. Un elemento que servise como escusa para ordenar este espazo público de disfrute, aglutinando diferentes actividades veciñais, sen excluílas.

Curso de verán a principios de xullo

Por último, as propostas para crear unha Mediateca integrada coa actual Ludoteca enfocáronse como unha oportunidade para ordenar a trama urbana situada entre as rúas Coruña e Jacinto Amigo, que está a medio terminar, e mantendo un maior aproveitamento peonil. Durante a presentación, Felipe Peña tamén anunciou que Carballo acollerá a principios de xullo un curso de verán da ETSA titulado "Estratexias urbanas para tempos de crise". O profesor Cristóbal Crespo será o encargado de coordinar esta iniciativa que pretende dar continuidade ao curso, dun xeito máis relaxado para o alumnado e presentando "propostas útiles para a súa aplicación da cidade de Carballo". Crespo explica que o crecemento urbano carballés ten sido unha "confluencia de oportunidades e casualidades que deixaron un tecido urbano maltrecho". O curso será unha nova oportunidade de "facer propostas low-cost ou incluso no-cost para recuperar a imaxe desdentada coa que conta a cidade". As propostas poden ir dende a creación de hortas urbanas, unha iniciativa que está tendo éxito en determinadas cidades, ata a estimulación da arte urbana para recuperar "o orgullo da xente polo espazo público de calidade". E sen perder de vista que, nos tempos que corren, deben ser "intervencións facilmente xestionables". Felipe Peña explicou, así mesmo, que dentro duns meses, tanto os traballos elaborados polo alumnado como as conclusións do curso plasmaranse nunha publicación.

Compartir: