Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aproba un Plan Económico...

LUZ VERDE PARA A CREACIÓN DE 64 NOVAS PRAZAS DE ZONA AZUL

O pleno aproba un Plan Económico Financeiro para o Concello que estará vixente durante o período 2013-2015

Martes 29 de maio do 2012

As novas sancións son: para motocicletas e vehículos de ata 2.500 kg: 66 euros e 70 euros en domingos e festivos; para vehículos de entre 2.500 e 4.500 kg, 83,05 euros; e para vehículos de máis de 4.500 kg, 108,27 euros. No caso de que a grúa se desprace, pero non se efectúe a retirada, abóase o traslado que ascende a 35,05 euros. O pleno tamén sacou adiante a aprobación inicial do texto refundido da Ordenanza Xeral sobre circulación e utilización das vías públicas do Concello de Carballo. Con este texto unifícase e ordénase nun único regulamento o uso do viario público, ademais de ampliarse o ámbito de aplicación da Zona Azul. Así, habilitarase nas rúas Álvarez de Sotomaior, Gravador Manuel Facal e Luís Calvo, ademais de estenderse a toda a rúa Barcelona con 64 novas prazas. Por último, no apartado de ordenanzas houbo luz verde para a aprobación inicial do texto articulado da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene. O obxectivo é o de adaptar a normativa ás condicións que se recollen no contrato que se está empregando nestes momentos no proceso para adxudicar o servizo de recollida de lixo. Catro empresas optan a este contrato. Co visto e prace do pleno agora iniciarase o período de exposición pública para estas tres ordenanzas, no que os veciños e veciñas ou os grupos políticos que o desexan poden realizar achegas ou solicitar modificacións.

Dúas mocións sobre os traballos da autovía Carballo-Berdoias

O pleno aprobou así mesmo, dous asuntos de trámite: a designación de novos membros para a Comisión de deslinde entre o Concello de Carballo e o da Laracha para actualizalos despois das últimas eleccións; e a actualización do Inventario Municipal de Bens do Concello de Carballo, que ten un valor na actualidade de 260.782.360,55 euros. No apartado de mocións, presentáronse dúas referentes aos traballos para a creación dunha Autovía ente Carballo e Berdoias. Unha do BNG na que se solicita que se cumpran os prazos previstos e que a infraestrutura estea rematada en maio de 2013. E outra do PP na que se pide o apoio para as xestións da Xunta de Galicia na realización dos traballos da autovía. As dúas propostas saíron adiante: a primeira cos votos a favor de todos os grupos da corporación excepto o PP; e a segunda cos votos a favor de todos os grupos da corporación excepto do BNG. Así mesmo, aceptouse nas dúas mocións incluír unha addenda presentada por TEGA na que tamén se insta a que se poñan en marcha os traballos para crear unha circunvalación para Carballo, incluídos no Plan MOVE (Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica) para o ano 2013. Por último, quedou sobre da mesa unha moción presentada polo PSOE na que se insta á Xunta e ao Goberno do Estado para que non desapareza o Partido Xudicial carballés, que pasaría a estar adscrito ao da Coruña xunto co de Betanzos. Aprázase a decisión a futuros plenos co obxecto de buscar o consenso de todos os grupos da corporación.

Compartir: