Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Agrupación de Voluntarios de...

ENTRE O DOMINGO 20 E O SABADO 26 DE MAIO NO FÓRUM CARBALLO

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil celebra o seu 25 aniversario cunha semana de obradoiros e actividades

Martes 15 de maio do 2012

Barca Añón, Luitino, tamén quixo expresar emocionado o seu agradecemento polo labor dos voluntarios, ademais de lembrar a axuda dos patrocinadores: Carrefour, Coca-Cola e Calvo. No que respecta ao desenvolvemento das actividades máis polo miúdo, entre o domingo 20 e o sábado 26 (de 12.00 a 14.00 e de 14.00 a 19.00 horas) os veciños e veciñas poden visitar a exposición sobre Protección Civil, na que haberá voluntarios para explicar o material e as imaxes da mostra. Os obradoiros desenvólvense no auditorio e salón de actos da nave 1 do Fórum entre as 10.00 e as 18.00 horas e adaptarán os seus contidos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, para os maiores, para as amas de casa e para os integrantes de Aspaber. Os asistentes recibirán unha charla sobre autoprotección en ámbitos próximos como o fogar, a escola a rúa ou a praia. Participarán en obradoiros sobre incendio na cociña (tixola e campá); incendio nun ordenador e nunha papeleira; primeiros auxilios; e mergullo en fume. E finalmente porán en práctica o aprendido durante unha hora, aproximadamente. Nestes obradoiros poderán aprender a manexar un extintor, o boca a boca, a reanimación cardio respiratoria, como se rescata a unha persoa dunha habitación chea de fume ou como empregar un desfibrilador.

O Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, quixo agradecer o labor dos voluntarios "pola súa dedicación" e "por estar sempre aí, o que é impagable". Transmitiu os parabéns do Concello pola celebración destas xornadas e desexou que dentro doutros 25 anos se celebren con éxito outras similares. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou o reto que supón a organización deste programa de actos, o que fala en favor da capacidade de organización da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. "Esperemos que estas intensísimas xornadas sexan o recoñecemento social a un labor tan desinteresado e comprometido", engadiu, expresando tamén o seu agradecemento. Por último, manifestou a vontade do Concello de seguir apoiando a grupos coma este "tentando escapar dos recortes", e apostando por manter os servizos básicos como son "a seguridade, o ensino, a saúde e a atención aos desfavorecidos", o que debe ser "unha prioridade para calquera administración". Durante a presentación do programa de actividades tamén estivo presente o vicepresidente da Agrupación de Voluntarios, Javier Souto Facal.

Compartir: