Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo festexa o Día das Letras co...

MÉRCORES 16 E XOVES 17 DE MAIO

Carballo festexa o Día das Letras co maratón "As Letras en Voces" e coa música de Sés e "Vitaminas para o galego"

Luns 14 de maio do 2012

A música tamén é un elemento moi importante na celebración do Día das Letras, e este ano hai que subliñar o concerto "Vitaminas para o galego", o mércores 16 a partires das 21.00 horas no Pazo da Cultura. Trátase dun pequeno festival que pretende darlle enerxía ao uso e prestixio da lingua galega. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo, que este ano recaeu en Carlos Callón por "Fai o teu galego" e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, un grupo galego que está formado pola cantante carballesa María Xosé Silvar e polo guitarrista Tito Calviño. Por último, "Vitaminas para o galego" inclúe tamén a lectura dun pequeno manifesto que se le á vez en todo o país galego e tamén noutras partes do mundo, como Bos Aires ou Belxica.

A música tamén estará presente o día 17, completando o programa do maratón no Xardín Munmicipal. Así, "As letras en voces" contará coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI (Comité de Orientación para Emigrantes Italianos). Outra da sorpresa da maña do día 17 é a intervención no acto de varios compoñentes da mítica formación cultural carballesa, Xocaloma. O maratón rematará co tradicional Concerto das Letras da Banda de Música Municipal de Carballo que por primeira vez terá lugar no Xardín Municipal a partires das 13.30 horas. Por último, hai que mencionar que "As letras en voces" inclúe a celebración do tradicional XXXII Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo da AC Lumieira. Os interesados e interesadas poden consultar o programa de actos ao completo nesta mesma nova.

Compartir: