Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nenos e nenas de Guadalaxara e Alacante...

TRÁTASE DUNHA INICIATIVA ENMARCADA NO PROGRAMA ARCE

Nenos e nenas de Guadalaxara e Alacante coñecen Carballo e a comarca nun intercambio co CEIP Gándara-Sofán

Xoves 10 de maio do 2012

O Alcalde, Evencio Ferrero, encargouse de dar a benvida aos representantes dos dous centros de ensino de Alacante e Guadalaxara en nome dos veciños e veciñas, e resumiu as principais características do Concello e da parroquia de Sofán. Tamén lles desexou unha boa estadía coñecendo Galicia e a realidade carballesa, ademais dunha boa viaxe de volta, que emprenden o venres 11 de maio. Os responsables dos colexios visitantes gabaron a contorna do CEIP Gándara-Sofán, rodeado de árbores e natureza. Dende Alacante, tamén subliñaron a oportunidade de que os cativos e cativas aprendan e intercambien verbas en valenciano e en galego. Tamén estivo presente durante a recepción o director do centro carballés, Mariano Dopico. Respecto da iniciativa conxunta entre os tres colexios, o proxecto "Cando os bosques falaban" xorde a raíz da denominación do ano 2011 como Ano Internacional dos Bosques. O seu obxectivo é fomentar o traballo cooperativo, o espírito crítico e o afán de investigación da contorna de forma lúdica e participativa. Literatura, arte, medio ambiente, historia, descubrimento, aventura, xogo, colaboración, compromiso, participación, acción, análise, comprensión, creación, expresión: son algunhas das ferramentas empregadas para acadar a aprendizaxe co obxectivo final de mellorar os bosques e o ensino.

Os interesados e interesadas en coñecer o proxecto máis polo miúdo, poden consultar o Blog da iniciativa nunha ligazón nesta mesma nova.

Compartir: