Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación inicial do...

COMPARECENCIAS DE BELÉN LENDOIRO E EVENCIO FERRERO

O pleno aborda a aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal e a adxudicación de tres postos de alimentación

Venres 4 de maio do 2012

No apartado de Facenda, a sesión inclúe a aprobación dun segundo recoñecemento extraxudicial de crédito para o exercicio de 2012 por un importe de 171.239,99 euros. Hai que lembrar que no pleno de marzo, e a raíz do decreto do Goberno de medidas contra o déficit das administracións públicas, xa se aprobara un recoñecemento extraxudicial de 311.637,36 euros para facturas rexistradas en 2011 e non abonadas a 31 de decembro de 2011. Neste caso, o mecanismo destínase a abonar facturas rexistradas no ano 2012 pero que teñen data ou contan con albaráns datados en 2011. Dentro dos asuntos económicos, o pleno tamén dará conta do Informe de intervención e tesourería de loita contra a morosidade relativo ao primeiro trimestre de 2012. Durante o presente exercicio, a normativa esixe que as facturas se abonen en 40 días dende o seu rexistro. O Concello carballés abonou entre xaneiro e marzo de 2012 un total de 663 facturas por arredor de 1.086.000 euros dentro do período legal; e pagou 1.000.100 euros fóra dos 40 días esixidos -fronte aos 3,8 millóns de 2011-. No que respecta a facturas pendentes de pago, quedan a final de trimestre 11.680 euros por abonar e no Concello non hai ningunha factura sen consignar con máis de tres meses de antigüidade.

Moción de TEGA e comparecencias

A sesión plenaria inclúe unha moción presentada por Terra Galega na que se propón a inclusión no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación de 2013 da obra "Rede de saneamento en Castelo, 2ª fase, parroquia de Vilela". Sería un proxecto de 125.574 euros que xa foi elaborado en 2006 e revisado a finais de 2011. A pesares de que ningún grupo se opón á realización desta actuación, a proposta semella, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, prematura e demasiado taxativa, especialmente pola situación económica actual e as dúbidas que existen acerca do futuro dos POS. Por ese motivo, na comisión informativa a moción recibiu a abstención de todos os grupos excepto TEGA, que votou a favor. Por último, o pleno do 7 de maio inclúe as comparecencias da Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e do Alcalde, Evencio Ferrero, no primeiro caso a petición do grupo municipal do PP e no segundo por iniciativa propia. O obxectivo da intervención de Lendoiro é o de que explique as medidas se van a tomar no ano 2012 para corrixir o remanente líquido de tesourería negativo de 1,8 millóns de euros, así como a liquidación negativa do orzamento de 2011 revelada a principios de ano.

Pola súa banda, o Alcalde quere falar sobre os prezos do solo no polígono industrial de Bértoa. Así, Ferrero subliña que "non é o Concello o que fixa o prezo do chan" no parque empresarial, xa que o fai a empresa que urbanizou o polígono e que xestiona o solo que é Xestur. Destaca que "o Concello facilitará sempre que as empresas se instalen en Carballo", ademais de que "os técnicos municipais axilizarán os trámites o máis posible respectando a legalidade". Remata dicindo que "se as empresas non se instalaron no polígono sería porque non o puideron facer, pero desminto rotundamente que o Concello fixera deixación de funcións".

Compartir: